Justo Beramendi González: «O fío do museo é o galeguismo»

Catro décadas despois de bautizalo, o presidente do padroado do Museo do Pobo Galego encabeza o traballo colectivo do espazo expositivo máis singular de Galicia


santiago / la voz

Justo Beramendi (Madrid, 1941) é a primeira e única testemuña que viviu o momento primixenio, a idea orixinal, do Museo do Pobo Galego, ao que por certo lle puxo o nome, e semella que con bastante acerto. Un proxecto con máis de 42 anos que naceu nun momento no que a política e os cambios sociais, vertixinosos, ían moi por diante da cultura ou a identidade, asuntos de máxima fraxilidade.

-Que significa para vostede, como presidente do Padroado, o Premio Fernández Latorre?

-Sentímonos honrados e agradecidos polo premio da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. Pero que conste que o colectivo ao que hai que darlle os parabéns é moi amplo.

-Fala do museo en plural polo sentido colectivo que sempre tivo o proxecto. A quen lle chega máis este recoñecemento?

-Traballadores remunerados son unha ducia, poucos para o tamaño que temos. E logo estamos os membros do Padroado, dos que moitos somos voluntarios. Isto non funcionaría se non houbese moita xente que ofrece o seu tempo e coñecemento, que axuda na biblioteca, no arquivo, que prepara as actividades... E tamén están os socios, que son dous mil. Eles son as raíces que dan a capilaridade social. O Padroado son medio cento de persoas físicas e máis de vinte institucións, as máis relevantes de Galicia. E os que xa non están, claro.

-Con máis de 42 anos de vida, a lista ten que ser longa.

-Si, e senlleira. Empezando por Ramón Piñeiro, Xerardo Fernández Albor, Xoaquín Lorenzo, Xocas, Antonio Fraguas, Domingo García-Sabell, Antonio Rodríguez Fraiz...

-Que os une a todos eles?

-O fío do museo é o galeguismo basal, que a identidade colectiva dos galegos e as galegas non se perda. Que se conserve o que foi para que siga sendo no futuro, por riba de diferenzas ideolóxicas ou políticas. Ese é o noso obxectivo.

-O Museo naceu nun momento politicamente intenso e complexo. Como o superou?

-Conseguimos crear unha institución plural, unida por esa lealdade a Galicia como entidade diferenciada doutros pobos. Esa idea transversal, que semellaba utópica no ano 76, saíu adiante e enraizou, e se algo conseguimos foi o respecto e o agarimo da sociedade, un querer que isto siga existindo.

-Non houbo tentacións de apropiación indebida?

-Non. Está recollido nos estatutos: no Museo non se poden facer actividades políticas ou sindicais. O obxectivo é preservar e promover o ser diferenciado de Galicia, pero por riba das diferenzas políticas. Se tomamos partido, perdemos a razón de ser de defender o conxunto, e eu creo que esa é unha das claves da persistencia da iniciativa. E probablemente a xustificación dun apoio que non é unánime, porque é imposible, pero si moi maioritario.

-Vendo agora as denominacións dalgúns museos e centros de arte podemos confirmar que o nome foi un acerto total.

-Non quero poñerme medallas, pero o nome, Museo do Pobo Galego, propúxeno eu. Ao principio foi estraño. Había moitas reticencias porque soaba a Unión do Povo Galego (a UPG, o partido hexemónico do BNG), e iso xerou resistencias.

-Vostede estivo implicado desde o primeiro minuto.

-Todo isto empezou por casualidade en 1976, nun xantar que tivemos o arquitecto Rafael Baltar, Carlos García Martínez, quen logo foi o director máis lonxevo, e mais eu. Daquela os tres traballabamos no Colexio de Arquitectos e paramos en Vilanova, no Chocolate, tras unha visita. Nos cafés saíu o tema de que Galicia non tiña un museo antropolóxico, a pesar da súa personalidade. Sabiamos que fora unha arela dende mediados do XIX, e tamén por parte do Seminario de Estudos Galegos, por iso trasladamos a inquedanza ao COAG, que acolleu moi ben a iniciativa. Non tardamos en formar o Padroado.

«Os vellos achegaron prestixio e os máis novos, traballo»

Nos comezos, os impulsores do Museo do Pobo Galego eran novos, e tiñan pulo, pero buscaron o apoio dos vellos e sabios.

-A única condición era ter unha actitude galeguista, de dereitas ou de esquerdas, pero galeguista, e por iso había dúas xeracións: dun lado, os vellos galeguistas, e do outro, os novos. Houbo un reparto de funcións. Os históricos trouxeron prestixio e capacidade de relación institucional, e nós achegamos traballo e ganas de aprender. E así, aos poucos, montamos o que hoxe temos.

-Fala de anos preconstitucionais. Como foron daquela as relacións coas institucións?

-Nin había Constitución nin Xunta, claro. Pero, curiosamente, as relacións foron boas. Entón eramos un pouco vermellos, un pouco bastante, pero cando constituímos o Padroado falamos co que era daquela concelleiro de Cultura de Santiago, Francisco Puy, o cuñado de Manuel Fraga, e tanto el como o alcalde, Antonio Castro, que era persoa moderada, sintonizaron moi ben con nós a pesar da dura polémica entre o Concello e o Colexio de Arquitectos pola derruba do edificio Castromil, que aínda estaba quente. Pero cederon o edificio de Bonaval. En Madrid tamén tivemos a colaboración do ministro de Cultura, que era o galego Pío Cabanillas. Entre todos atopamos os cartos, non moitos, para arranxar os locais e abrir as primeiras salas en 1977. Despois, coa Xunta de Galicia, as cousas cambiaron de xeito cualitativo e sempre tivemos unha relación boa ou, como mínimo, aceptable, pero sempre con certo apoio.

-Houbo fraquezas?

-Estamos sempre no fío da navalla, nun nivel de supervivencia. Por exemplo, hai dúas salas que só abrimos por encargo, porque non temos persoal.

-E risco de desaparición?

-Non, pero coa crise económica estivemos a piques de facer un ERE de redución de xornada. Conseguimos salvalo porque compensamos a baixada da axuda pública cobrando entradas e facendo unha campaña de socios entre empresas, con boa vontade, pero resultados mediocres.

«Temos un proxecto para unha reformulación total da exposición»

Beramendi cre que as axudas públicas serán determinantes para que o Museo do Pobo Galego viva unha próxima «idade de ouro e non de chumbo», cunha ampliación de espazos que quere dar un novo pulo á proposta expositiva e que chegará a tempo para o Xacobeo 2021.

-Fala do apoio público nunha entidade que non o é.

-Somos unha cousa moi rara. Nin somos públicos nin somos totalmente privados. Temos unha estrutura insólita no panorama museístico, e somos a única entidade que aparece con nomes e apelidos nos Orzamentos da Xunta, desde o ano 1990.

-Precisan de máis apoio da sociedade civil?

-O que non hai é unha cultura do mecenado de verdade. Unha institución coma esta nos Estados Unidos ou Gran Bretaña tería moitas máis axudas. Agora é máis doado conseguir apoios para actividades puntuais que para a actividade continuada.

-En que momento chega este recoñecemento?

-Estamos nun momento de transición entre dous ciclos, porque imos dar un salto en contidos coa ampliación. Hai dez anos fixemos un proxecto de reformulación total do museo baseada na historia de Galicia, ou sexa que xa temos un relato para facer unha nova instalación museográfica.

-Unha adaptación ao século XXI?

-Sabemos que o museo está anticuado. Temos que modernizar as técnicas expositivas, mesmo o relato. Iso está pensado, pero non podemos facelo de momento. Este museo fíxose a cachos, cando houbo cartos, por iso falta un traballo integral para actualizar as técnicas expositivas.

-Como pode o Museo do Pobo Galego estar máis presente en Galicia?

-Impulsamos o Consello Galego de Museos, pero hai que admitir que non funciona como é debido. Temos claro que nos museos etnográficos ten que haber máis coordinación, pero somos tan poucos para facer tanto que está todo un pouco parado. O reto pendente é ter maior presenza máis alá de Santiago, incluso establecendo sucursais alí onde non haxa museo etnográfico.

-Hai garantía de relevo?

-É outro tema do que nos preocupamos, porque os fundadores, os que quedamos, xa estamos na porta de saída. Procuramos que no Padroado entre xente máis nova, pero tampouco hai que facelo sen criterio. Ser do Padroado require certo perfil. Aquí pagas, non cobras, e así é difícil ter éxito nas novas xeracións. Con todo, está garantido, si.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
24 votos
Comentarios

Justo Beramendi González: «O fío do museo é o galeguismo»