Xavier Labandeira: «A frota española está moi dieselizada e obsoleta»

O profesor de Economía da Universidade de Vigo cre que subir o imposto dos carburantes axudará a combatir a contaminación atmosférica


redacción / lA voz

Xavier Labandeira leva anos defendendo a utilidade dunha tributación enerxética e ambiental. Recorda que o cambio climático e a contaminación atmosférica son un risco moi serio para a poboación e que a transición ecolóxica comeza por entender que contaminar non pode saír gratis. Neste sentido, considera que subir o imposto dos carburantes supón un primeiro paso.

-Está contento co anuncio do Goberno?

-É moi positivo que se fale por fin dun tema que estivo oculto. A Comisión Europea leva polo menos cinco anos reclamando ao Goberno español unha subida fiscal neste tipo de impostos por razóns ambientais.

-En España pagamos mais ou menos que no resto de Europa?

-Temos un dos niveis de tributación dos carburantes mais baixos, tanto no caso da gasolina como no do diésel. Durante a crise tocáronse a maior parte dos impostos menos este. Isto non ten sentido cando se comproban os danos ambientais que xeran.

-Non cre entón que haxa simplemente unha intención de recadar?

-Máis ben é un tipo de imposición correctiva para que a xente entenda que cando se consume un produto que xera danos perciba o custo e reaccione.

-Cal debe ser a esa reacción?

-Cambiar unha frota que está moi dieselizada e obsoleta. O 90 % son coches matriculados antes do 2015 e dentro, como digo, dunha frota maioritariamente diésel. Agora existen alternativas máis limpas que van encamiñadas cara á transición, coma eléctricos ou híbridos.

-Como hai que proceder?

-Primeiro hai que igualar a imposición do diésel e a gasolina e a continuación subir a fiscalidade de ambos carburantes.

-Canto deberían subir?

-Pois falamos duns céntimos por litro no diésel para equipar co prezo da gasolina, pero ademais habería que sumar o IVE. Estaríamos a falar por tanto dunha incremento importante no caso do diésel.

-Debe pagar o mesmo o propietario dun vehículo diésel que ten un ano que outro que ten quince?

-O ideal a medio prazo sería cambiar a tributación do transporte, que se vincule máis co uso e as características do vehículo. A curto prazo temos uns impostos que non son perfectos e que poden acabar prexudicando aos coches menos contaminantes.

-E a xente que traballa co seu vehículo?

-É importe que se aplique a medida a todos os usuarios de vehículos, sen excepcións. Despois ten que haber fórmulas para casos concretos, coma subvencións ou cheques para cambiar o vehículo.

-Canto podería recadarse e que debería facerse con eses cartos?

-As cifras que manexamos son importantes. Estaríamos a falar de miles de millóns de euros. Unha parte debería ir para compensacións e outra para evitar subir outros impostos. Tamén estaría ben pensar noutro tipo de imposicións, coma por exemplo sobre as emisións de CO2. Os cartos poderían investirse ademais para avanzar nunha transición real cara ao uso de enerxías máis limpas que as actuais.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Xavier Labandeira: «A frota española está moi dieselizada e obsoleta»