Edelmiro López: «O problema non é o eucalipto, é o eucalipto caótico, sen coidar»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

XOAN A. SOLER

Profesor de Economía Aplicada, aposta por atacar a base do problema dos incendios: a ordenación do territorio e a política forestal

03 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O profesor da USC Edelmiro López foi un dos membros da comisión que analizou as causas dos grandes incendios deste primavera en Portugal.

-5.600 efectivos despregados en Galicia. ¿Son abondo?

-Non é un problema de máis medios humanos. Máis importante que se tes 5.000, 6.000 ou 50.000 é que incorpores máis o coñecemento sobre clima, sobre vexetación, e planificar moito mellor as actuacións, aparte de intervir sobre os factores estruturais.

-¿Que tipo de perfís habería que incorporar?

-Hai magníficos directores de operacións nos incendios. Dáme a sensación de que o que falta é o cruce entre meteoroloxía e territorio, que é cada vez máis importante: incorporar coñecemento fino sobre as condicións meteorolóxicas para a planificación das operacións. E sobre todo, no caso galego, asegurar que ese persoal cualificado ten realmente o control de todo o dispositivo. Seguir segmentando resta operatividade ao dispositivo.

-Pero o máis perigoso son esas condicións estruturais: vexetación, clima e ordenación do territorio.

-Paréceme que o discurso que estamos mercando do terrorismo incendiario é humano, pero impide un debate racional sobre un problema que temos na sociedade galega e afecta ao Goberno, porque non se fai cumprir a normativa sobre a limpeza dos núcleos e non se modifica a política forestal cando sabemos que temos un problema. Pero non só afecta ao Goberno, afecta ao cidadán: sabe que hai unha normativa que lle impide plantar piñeiros e eucaliptos a menos de 50 metros das casas, e cando lla fan cumprir quéixase.

-Así que a culpa de que arda Galicia é dos galegos.

-Dos galegos, si, empezando por aqueles que teñen máis responsabilidade, porque teñen capacidade de establecer as normas e de facelas cumprir, pero tamén de cada un dos cidadáns, evidentemente. Temos un problema complexo que se está simplificando. E non é o eucalipto nin a trama incendiaria. Vas collendo todos os factores e cada un pode ter parte de verdade, pero ningún é o factor determinante.

-Non é cuestión de especies.

-O eucalipto é unha especie pirófita, favorece o fogo no monte e que se transmita a máis distancia, e esténdese co lume. Todo iso é certo, pero a experiencia indica que onde hai plantacións de eucalipto ben coidadas non arde. O problema non é o eucalipto, é o eucalipto caótico, sen coidar.

-Fala de ordenación do rural.

-Necesitamos non digo xa repoboar o rural, pero si xestionar o territorio no rural, se non hai xente que estea disposta a vivir todo o ano, mirar quen pode xestionar de forma adecuada o territorio. Necesitamos cumprir as normas que establecemos, tanto as urbanísticas como as de prevención estrutural de incendios.

-Atacar a base do problema.

-Si. A ordenación do territorio. Que afecta ao uso forestal: recuperar terreos agrícolas e controlar o crecemento incontrolado de edificacións cara ao monte.

-Tamén se critica que non hai política forestal.

-O que non hai é unha definición de cara a onde queremos ir e a aplicación de políticas de acordo con iso. A proba máis evidente é que, cando un ve o que prevía o plan do 92 e o que hai agora, ve que non se parecen en nada. A solución aos problemas que temos non pasa polo DOG, porque boa parte dos problemas que comentei: ordenación do territorio, medidas de prevención estrutural de protección de núcleos, necesidade de limpeza arredor das entradas... iso xa está, pero non se leva a cumprimento.