Juan Viaño: «Son un home afortunado»

O reitor da Universidade de Santiago recoñece estar animado a optar á reelección


O reitor xoga con vantaxe. O despacho, o edificio no que se atopa, son tan impresionantes que o peso da historia e da institución caen enriba do invitado, eu neste caso. Juan Viaño (Boqueixón, 1955) sorrí moi consciente da importancia de xogar no seu campo. O símil futboleiro vén moi ben, porque Viaño foi un fino extremo dereito.

-Están vostedes preparando as eleccións. Preséntase de novo?

-Aínda estamos rematando o mandato e agora non é o momento da campaña, aínda que xa dixen que estaba animado a presentarme de novo. Pero será unha decisión que terei que confirmar nos próximos meses.

-Para chegar a reitor hai que ser un pouco político, non?

-Hai que ter unha carreira académica. Eu fun profesor, investigador, participei en congresos... Pero é certo que para ser reitor o compoñente de xestión é imprescindible. Hai que ter unha certa querenza pola xestión, ser un pouco político, si.

-Custoulle pronunciar a palabra...

-A palabra político está desprestixiada nestes tempos. Eu creo que inxustamente, porque o obxectivo da maioría dos políticos é traballar por unha sociedade mellor.

-O adestrador do Obradoiro di que traballar entre mozos é unha marabilla, porque te fai mozo.

-Si, eu comparto esa opinión. A gran satisfacción dun mestre é atender aos seus alumnos, ver como ano a ano chegan xoves e un pode formalos e imbuírse dese espírito xove. As veces iso provoca que non percibamos correctamente como van pasando os anos para nós. Como sempre estamos con alumnos da mesma idade parece que non pasan.

-Vou ser un pouco malo. Na Universidade queixáronse moito cos recortes da crise, pero dá a impresión de que non se vive tan mal.

-A crise supuxo unha caída brutal de ingresos para as universidades; entre un 25 e un 30 % de baixada. Iso é unha contracción moi grande. Os profesores tiveron que dedicarse máis a fondo, máis horas. O labor dos profesores ten unhas esixencias importantes. Se o que me quere dicir é que a nosa profesión é privilexiada, onde temos os nosos ritmos e nos permite desenvolver as nosas capacidades e o noso coñecemento dunha maneira satisfactoria, pois eu diría que si.

-De non escoller as matemáticas, que lle tería gustado facer?

-Foi un profesor o que me orientou ás matemáticas no bacharelato, pero previamente tiven algunhas dúbidas. A primeira se iría á universidade, porque veño dunha familia moi humilde. Pensei nunha enxeñería ou en Medicina.

-Foi vostede un neno de aldea.

-Totalmente. Son o Balbino de Neira Vilas, a quen por certo coñecín. Identifícome co neno labrego absolutamente.

-Faría boas trasnadas.

-Si, fixen. Miña nai sempre conta unha cando, en vez de ir á finca, collín a cana e fun pescar ao río. Pero eu lémbrome doutra en Portosín cos meus primos, que fomos coller uvas que non eran nosas e cando veu o dono saímos correndo e deixamos dentro aos pequenos.

-Cal é o seu lugar favorito?

-O Pico Sacro encántame; é un sitio que non está posto en valor. E Areas, en Pontevedra. É onde paso as vacacións.

-Fixo o Camiño de Santiago?

-Enteiro non. Fixen etapas. Pero gústame moito camiñar.

-Sería capaz de contar un chiste?

-Uf. Non. De mozo os contábaos, pero como non me lembraba, tíñaos apuntados nunha libretiña.

-En serio?

-Totalmente. Así podía usalos segundo a ocasión.

-É dos que bailan?

-Si. Gústame bailar. Debería ter un pouco máis de sentido do ridículo, pero son dos que bailan.

-Xa é avó. Que tal?

-E algo inesperado, unha sorpresa que depara a vida porque non esperas que sexa tan intensa e tan íntima.

-E o fútbol, interésalle?

-Interesoume sempre. Meu pai levábame ver os partidos en branco e negro da Copa de Europa. Incluso cheguei a xogar en equipos federados.

-Será do Madrid.

-Si, non o ocultei nunca.

-Vaia chasco o domingo!

-Non me fale.

-Considérase un tipo con sorte?

-Si, son un home afortunado. Hai na vida etapas máis duras, pero teño que agradecer moitas cousas.

-Dígame unha canción.

-Unha que escoitaba cando estudaba: Puente sobre aguas turbulentas, de Simon e Garfunkel.

-Que é o máis importante na vida?

-Esa é unha pregunta moi difícil de contestar... Vivir a vida que che toque. O que máis satisfacción da e traballar polos demais. E, sobre todo, a familia. Traballar por un mundo mellor e facer feliz á xente que te rodea.

Vive Camino

Toda la información sobre el Camino de Santiago en Vive Camino

Votación
3 votos
Comentarios

Juan Viaño: «Son un home afortunado»