Ana Miranda: «O PP fala da coalición con Bildu para non facelo do noso traballo»

Defende que a do Bloque é «a candidatura do país» para as europeas


Santiago / La Voz

Eurodeputada do BNG durante ano e medio nesta última lexislatura do Parlamento Europeo, Ana Miranda (Cuntis, 1971) anda mergullada xa nunha intensa precampaña como cabeza de lista en Galicia dunha candidatura que o Bloque comparte con Bildu na circunscrición estatal. Miranda ve unha estratexia do PP nos ataques a esa coalición, sostén que as políticas de populares e socialistas son as mesmas, e proclama que a do BNG é a única «candidatura do país».

-Reclaman a xestión dos fondos europeos. ¿É o Estado o que os reparte mal ou a Xunta quen non os xestiona ben?

-O reparto é inxusto, pero a Xunta non establece boas prioridades nos fondos de cohesión. Mesmo no tema pesqueiro, lle cambiou o uso. O caso é que perdemos 2.500 millóns e a Xunta o presenta como un trunfo.

-Pero Galicia ten esa rede de seguridade sen a cal perdería moito máis de 2.500 millóns.

-Penso que hai que velo como un fracaso. A aterraxe suave da que fala a Xunta, que nós tamén defendemos en Bruxelas, é unha cuestión de xustiza, porque a situación da renda media galega na UE é ficticia. Nós conseguimos introducir a situación demográfica, que foi clave para obter esa rede de seguridade.

-Volverá ter que compartir o escano. Desta volta, con Bildu.

-O BNG leva demostrado dende 1999, cando foi Camilo Nogueira, que sempre defendemos os intereses do país. Primeiro con escano, despois sen el, e tamén compartíndoo, o BNG estará pelexando polo país, como sempre. A candidatura do país é a nosa. Somos o equipo da casa.

-En termos de representatividade, ir con ERC igual era máis rendible que con Bildu.

-É un tema superado. As relacións con ERC son moi boas e estaremos no mesmo grupo. Traballaremos pola maior representatividade para loitar contra os recortes da troika.

-Pero tentaron recuncar e mudar Bildu por ERC como compañeiro de viaxe.

-Nesta lexislatura xa estivemos con Eusko Alkartasuna e Aralar. Agora temos que presentarnos así, ao non haber circunscrición galega. O noso é representar a Galicia. Cantos máis votos teñamos máis tempo estaremos representando ao país.

-¿Na chamada á porta de ERC pesaron motivos ideolóxicos?

-Para nada. Son decisións que se entenden na clave catalana, da expectativa que viven para o seu país. A decisión do consello do BNG non é ideolóxica.

-Aínda así, viron que era necesario explicarlla ás bases.

-Pola reacción do PP [que sostén que ao coaligarse con Bildu o BNG pretende que os galegos lexitimen o terrorismo]. Presentámonos cun traballo feito. Que se nos deixe explicar que sabemos traballar e somos rigorosos. Hai unha estratexia do PP de falar da coalición con Bildu para non facelo do noso traballo. Cañete meteu a flota de Andalucía e deixou a nosa na casa.

-Vexo que non aplaude o retorno do ministro a Bruxelas.

-A súa xestión sempre foi moi negativa para Galicia. Non só coas vacas tolas e o Prestige. Acaba de facer que Galicia perda 300 millóns en investimentos no rural. Na negociación da política pesqueira, priorizou a acuicultura intensiva en lugar da extensiva, o marisqueo e os acordos internacionais.

-¿Terá o BNG un caladoiro propicio nas augas turbias da xestión dos grandes partidos?

-O que esperamos é que a xente esperte. Mostran dúas facianas, pero as políticas de PP e PSOE son as mesmas, con reformas laborais que son apisoadoras. Moitos dos seus votantes afectados polas preferentes recoñecen que é o BNG o que estivo sempre ao pé do cañón.

-¿E nesas augas que baixan revoltas en Anova?

-Temos contactos de xente de Anova que non quere votar por un partido da esquerda española [IU]. Este escano tamén foi deles. Quen queira que Galicia sexa defendida na UE cunha visión nacional, aquí ten unha amiga.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
45 votos

Ana Miranda: «O PP fala da coalición con Bildu para non facelo do noso traballo»