«Estábanme negando a miña contribución á vida pública»

GALICIA

Milucho recoñece que traballou moitos anos para o sindicato agrario sen asegurar porque a precariedade era absoluta

10 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Emilio López Pérez, Milucho , cofundador das Comisións Labregas, que deron moito que falar nos anos oitenta pola oposición á cota empresarial agraria, acaba de gañar a primeira batalla dunha loita contra a organización sindical que puxo en marcha. Un xulgado do social de Lugo recoñécelle que cando se presentou ás eleccións do ano 1993 nas que saíu deputado polo BNG dispuña dunha excedencia voluntaria, o que lle abre camiños agora para regularizar a súa situación laboral e persoal. Non foi nada fácil convencer a Miluch o de falar sobre como está a vivir o que está pasando. Algunhas respostas preferiu aprazalas ata que o litixio estea definitivamente zanxado e teña claro o seu futuro. -¿Está satisfeito coa sentenza? -Estou satisfeito de ter feito valer os meus dereitos, a miña contribución á historia e á vida pública que dalgunha maneira se me estaba negando. É unha satisfacción moral. Non teño ningún interese en seguir prolongando o debate, pero si en poñer as cousas no seu lugar. -¿Está doído do que lle ocorreu coa organización que fundou? -Non. Un está máis ou menos afeito a que haxa posicións así, e desa maneira. Doído non, pero fora mellor aforrar estas cousas e ter que reclamar por esta vía. Podo dicir que o intentei por todos os medios, antes da conciliación, na conciliación, no xuízo... pero non foi posible. -Teño entendido que a sentenza non recoñece o tempo que estivo traballando sen asegurar. -Di que non hai fontes documentais que o acrediten e restrinxe a data do contrato. Fala de xornadas laborais máis prolongadas do normal. Daquela non había nóminas. Cobrabamos con sobres e había veces que se non ingresabamos as cotas dunha comarca tíñamos problemas para cobrar. Era o normal, como que o sindicato nos adiantara cartos cando non alcanzaba para pagarnos a nós. -¿Era esa unha situación exclusiva do SLG? -A situación era xeral en todos os sindicatos e organizacións. Nas agrarias ata que non foi conselleiro no tripartito Francisco Sineiro os ingresos eran moi limitados. Era todo moi precario. As cousas funcionaban grazas ao traballo voluntario de moita xente. Con poucos medios creáronse cousas moi importantes, como é o caso do Sindicato Labrego. -¿Existía tanta precariedade? -Durante anos eramos tres empregados en Galicia. Dous en Lugo e un en Santiago. Non había contratos nin Seguridade Social. Os únicos ingresos eran das cotas. Os locais que usabamos, prestados; os coches para desprazarnos, dos amigos. Aprendín a andar pola montaña de Lugo, pouco despois de sacar o carné, cos coches que me prestaban as mestras. -A sentenza ábrelle o camiño para volver ao SLG cando quede un posto de administrativo vacante ¿Que vai facer agora? -Non o sei de certo. Como dalgunha maneira as miñas raíces están na agricultura, seguirán estando aí. -¿Poderíase explicar un pouco máis? -Aínda que faga o que faga, tanto no terreo laboral coma no político, a miña intención é a de seguir vinculado ás actividades agrarias, que é o que fixen sempre.