O responsable da política contra incendios da Xunta pasa páxina ás disputas cos alcaldes e apela a unha unidade política sen a cal gaña «o criminal que planta o lume»
25 mar 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Os lumes que en once días de agosto pasado arrasaron 80.000 hectáreas de monte non chegaron aos despachos da Xunta, aínda que ameazaron a continuidade do director nacionalista de Montes. Alberte Blanco Casal (Vilaboa, 1957) afronta a tempada cun punto de autocrítica e apela á unidade política para dar continuidade á xestión forestal. -Esta semana vótase a Lei de Prevención de Incendios. ¿Cales son as principais medidas que incorpora para que non se reproduza a catástrofe do pasado verán? -A lei ven cubrir un baleiro histórico na defensa dos nosos montes, coa regulación da actividade forestal. Establece unha planificación para que a estrutura territorial no monte se faga en función das necesidades de produción do monte de calidade e de prevención e defensa contra os incendios. Ese é un chanzo elemental e básico que non existe. A lei tamén establece pautas para resolver problemas crónicos do monte como o minifundismo. O 98% da superficie forestal é privada e, dentro diso, os montes veciñais en man común representan o 30%. Un dos obxectivos é agrupar propietarios e conseguir unidades con masa crítica para que o monte sexa rendible e que podan afrontar as necesidades de ordenación dende un punto de vista preventivo. -Esta lei non vai acadar o consenso que precisaría un asunto da relevancia que ten para o país a prevención do lume. O PP di que a norma non aborda a extinción. -É un argumento de quen non os ten, porque realmente é unha Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios. A asignatura pendente que temos neste país é a prevención e a ordenación do territorio. A extinción é un problema máis ben técnico, que non é necesario regular. Do que falamos é de que aquí non existe unha lei de prevención, nin medidas básicas de ordenación do territorio. Isto ven dar resposta a ese problema. -Na formación das cuadrillas houbo rectificacións, como nos requisitos sobre o coñecemento do galego. -Non fixemos nada que non estableza a lexislación da función pública de Galicia, que esixe o coñecemento do galego. Aplicamos a lei e fixémolo dun xeito flexible, porque a aqueles que non tiñan acreditado o coñecemento do galego se lles deu a posibilidade nesa convocatoria, que foi un pouco polémica, dunha proba oral. Por confusión ou mala interpretación da convocatoria se pensou que era unha exclusión. Non a houbo. -¿Quedará algún concello sen cuadrilla este verán? -Nunca houbo unha cuadrilla en cada concello, están distribuídas polo territorio. Vai haber máis cuadrillas que nunca. Aumentará notablemente o dispositivo de extinción. O que cambia é que o mando é único e unificado. A Administración contratante das brigadas será a Xunta. Haberá unha relación cos concellos en extinción, regulada no Plan de Defensa contra Incendios. Do que se trataba era de crear un mando único para dirixir mellor os recursos, pero iso non implica que non haxa un despregue que cubrirá todo o territorio. -¿Os problemas cos alcaldes están xa superados? -Creo que si. O nivel de cooperación que existe entre esta Dirección Xeral e os concellos está acreditado polo número de convenios para a limpeza de núcleos, con 224 xa asinados. Están en marcha outros convenios de desbroce que chegarán a un nivel nunca acadado. E se farán outros de vehículos motobomba. Polo tanto, considero superada a crise do ano pasado. Hai boa colaboración cos concellos e ese é o camiño. -¿Por que un tema capital para o país como a prevención dos incendios está tan sometido á liorta política? -A iso terían que respostar aqueles que non queren chegar a un entendemento sobre as grandes cuestións de Estado, que non dependen dun só Goberno senón que precisan unha continuidade. Goberne quen goberne, debe haber un fío condutor nestas políticas. A loita contra os incendios non é sinxela e se non estamos unificados politicamente gaña o criminal que planta o lume. Sen unidade política, haberá grandes dificultades para resolver o problema.