Un largo camiño para o acordo

REDACCIÓN A CORUÑA

GALICIA

A nova normativa podería facer realidade un dos obxectivos fixados na fundación da Academia Galega hai case un século O conflicto normativo sobre o idioma galego, que se fai expreso no século XIX, estaba xa presente nos textos anteriores. Así, partindo da unidade lingüística galego-portuguesa establecida na Idade Media, foise producindo un progresivo afastamento das linguas que se falan en Portugal e en Galicia. Esta diferencia afonda ata que no século XIX a recuperación escrita do galego se leva a cabo coa ortografía do castelán. A anarquía do galego neste século impulsa a creación da Real Academia Galega (1906) co obxectivo frustrado de facer unha gramática e un diccionario.

06 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Na década dos anos cincuenta, a editorial Galaxia aplica nas súas publicacións unhas normas internas que modernizan e unifican a ortografía galega. En 1960, con Sebastián Martínez-Risco na presidencia, a Real Academia Galega relanza o obxectivo fundacional. O proceso leva a que en 1970 sexan aprobadas unhas breves normas ortográficas que un ano despois completa como Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. Antes, en 1966, Ricardo Carballo Calero publica a Gramática elemental del gallego común. Entre os anos 1971 e 74 aparecen os Gallego I, II e III do Instituto da Lingua Galega, recén creado. A nova entidade, tamén impulsa reunións que en 1977 se plasman nas Bases prá unificación das normas lingüísticas do galego. En 1980, a Consellería de Educación e Cultura impulsa as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, primeiras de carácter oficial, nas que convivían as chamadas tendencias independentista ou isolacionista e a reintegracionista ou lusista que propiciaba o achegamento ó portugués. En medio xurdía a corrente de concordia ou de mínimos. O Instituto da Lingua Galega elabora no 1982 outras Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego que reciben o acordo e sanción da RAG e a oficialidade da Xunta. A opción é practicamente a isolacionista. Os lusistas seguen en 1979 as Directrices para a reintegración lingüística galego-portuguesa de Montero Santalla, e a Associaçom Galega da Língua (AGAL) publica sucesivamente Estudo crítico das normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (ILG-RAG) (1983) e en 1980 é a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) quen edita Orientacións para a escrita do noso idioma nunha liña intermedia.