Unto Vello: «Que un dúo de música tradicional encha a Capitol di cousas» 

FUGAS

VÍCTOR ABELLEIRA

Teñen 20 e 22 anos e hoxe sae o seu primeiro disco pero xa venderon todas as entradas do seu concerto deste domingo en Santiago en tres días. Apunta o seu nome: Unto Vello

20 mar 2026 . Actualizado a las 23:52 h.

Con 20 e 22 anos, sen sequera ter disco (publican hoxe o seu primeiro, Inmaterial), e facendo música tradicional sen máis adxectivos (e en moitos casos baseada en cantares e melodías que eles mesmo recolleron), Unto Vello colgaron en tres días o cartel de «Non hai entradas» para o seu concerto deste domingo na sala Capitol de Santiago. Un fito que nin sequera eles, a día de hoxe, son quen de entender. «Para nós segue sendo algo incrible. Hai uns días estaba vendo alí a Rusowski e pensaba: "Non entendo como en tres semanas vou tocar eu aí. Como dous rapaces que tocan pandeireta e acordeón e cantan cancións tradicionais poden encher isto. É como surrealista"», comenta Xabi Gómez» (Brens, Cee). «Pero, por outro lado, o feito de que un dúo de música tradicional encha a Capitol, creo que di cousas», engade Bieito Pereira, de Arzúa, a outra metade de Unto Vello. «Queremos que os cantares dos nosos maiores non se vaian ao outro mundo», comentaban en outubro do 2024, a piques de debutar na Muiñada de Vimianzo. Así falan agora: 

—A tendencia actual é a de fusionar a música tradicional coa electrónica. O que Unto Vello propón é unha volta ás orixes?

Bieito. Si, creo que podería dicirse que si.

Xabi. Eu, que en directo acompaño a Mondra, desfruto moitísimo tocando con el. É como vivir a experiencia da música tradicional dende outra parte. Pero creo que o que facemos con Unto Vello é o colchón de todo o que agora está triunfando. Está xenial que haxa propostas como as de Mondra ou Baiuca porque moitísima xente está descubrindo a música tradicional grazas a eles. Entón, está guai que iso exista e está guai que haxa grupos como o noso, que siga mantendo a orixe para que iso tampouco se esqueza. Noutras ocasións xa houbo un bum de novos estilos de musicais que enriqueceron a nosa tradición, pero esqueceuse o que viña atrás e as novas xeracións non sabían moi ben por que existían ese tipo de músicas. Entón, é moi importante que convivamos uns e outros. E eu desfruto igual de tocar con Mondra no Revenidas que con Unto Velo nunha parroquia de Cambados con 60 persoas diante. 

—Cara onde cren que vai camiñar no futuro a música de raíz en Galicia?

Xabi. Eu creo que as dúas liñas, a puramente tradicional e a máis evolucionada, van saber convivir moi ben como ata agora. Que grupos coma nós enchan espazos como a Capitol é unha proba desa convivencia e desa dualidade tan necesaria que existe. Temos un futuro moi prometedor.

Bieito. Eu, polo contacto que teño con xente da música tradicional da miña idade ou incluso máis nova, tamén penso que se van complementar ben e non vai desaparecer ningunha das dúas. O futuro está garantido porque hai unha canteira moi grande de xente aprendendo en asociacións culturais e folclóricas. Pero ao mesmo tempo esa xente tamén consumimos a outra liña, a máis renovada. Así que se van retroalimentando. Unha vai dando a coñecer á outra. Hai xente que coñece a Unto Vello porque escoitou a artistas que fusionan música tradicional e electrónica e a partir de aí foron achegándose á esencia e deron con nós. E ao contrario tamén, porque a maioría dos proxectos que mesturan a música tradicional con electrónica son de xente que no seu día formou parte dalgunha asociación e despois decidiu experimentar pola súa conta.

—Non sei se teñen un pouco o síndrome do impostor, no sentido de que hai xente que leva toda a vida facendo música tradicional e cústalle xuntar cen persoas nunha foliada e, de súpeto, chegan dous rapaces de 20 anos que aínda non tiñan nin disco e enchen a Capitol.

Xabi. Si, si que hai xente que nos vacila e nos di: «Me cago en tal, eu con 20 anos comía os mocos e ti enches a Capitol». Pero, a ver, nós o único que podemos dicir é que é unha sorte poder chegar aí facendo a música que nos gusta.

—Senten que os tratan con respecto?

Xabi. Si, temos moita sorte nese sentido. Con 20 anos o normal sería que nos dixeran: «Pero estes chavalines!...». Pero non, os músicos trátannos con moito respecto. Imaxínate como nos quedamos cando Xavier Díaz nos invitou a abrir o seu concerto na Capitol e nos dedicou unhas palabras de admiración.... Nós crecemos coa súa música! E que agora esa persoa, da que tanto aprendemos, nos diga iso..., é que non sei nin como describilo.

—Hai un novo circuíto para a música tradicional en Galicia?

Xabi. Nós, cando comezamos —e aínda agora— tiñamos moita demanda, sobre todo, de foliadas de asociacións. Pero cada vez máis, podemos acceder a circuítos ou lugares onde pensabas que non poderías chegar a estar. Creo que o circuíto galego está abríndose cada vez máis a propostas que teñen que ver coa música tradicional ou que, como nós, son puramente de raíz.

—As Foliadas van ser os novos festivais?

Bieito. Eu espero que non se perda nunca a esencia das foliadas.

Xabi. As foliadas son uns espazos para bailar, tocar e cantar moi especiais e creo que son tratados con moito respecto por parte da sociedade. A xente estase interesando moito por elas e creo que iso é bo, sempre e cando non se masifiquen de máis.

—Ata que punto é importante a estética para conectar coa mocidade?

Xabi. Cando estabamos preparando o noso primeiro videoclip tiñamos claro que non por ser música tradicional tiñamos que plasmar unha imaxe como se estivésemos no 1960. Somos xente nova, que viste como viste e que escoita a música que escoita. E iso é o que queriamos reflectir nos nosos elementos visuais. Eu teño amigos aos que agora lles encanta a música tradicional porque se están abrindo a este novo moderneo. Vale, pois tamén está guai iso.

—E a vostedes, como lle deu por saír a recoller, sendo tan novos?

Xabi. Bieito empezou a ir de pequeno coa súa profesora e eu intereseime cando tiña 15 ou 16 anos e empecei a ver por redes e por YouTube o traballo que se fixo hai anos. Un día fun con xente que coñecía das redes e descubrín un mundo e un patrimonio que non se pode perder. Despois, cando coñecín a Bieito, os dous tiñamos ese punto en común e empezamos a ir no verán por Galicia, Asturias e Castela.

—Aínda quedan informantes?

Xabi. Si, si. A nós moita xente dinos: «Pero que ides recoller vós, se tedes 20 anos e esa xente xa morreu toda?». Pero é mentira. A xente di que non, pero queda moitísimo aínda. Nós temos estado con xente á que non lle recollera nunca ninguén. Nós sempre animamos a todo o mundo a que un día colla o coche e saia recoller. Porque ver un vídeo é moi emocionante pero vivilo en persoa, uf, é outro rollo.

—Todas as cancións do disco foron recollidas por vostedes?

Bieito. Unha gran parte, si, pero tamén hai algunhas que as escoitamos en arquivos que temos de xente que fixo recollidas anteriores e que nolas cederon.

—Non falta quen se sorprenda polo feito de que nalgunhas ocasións cantan en castelán.

Xabi. A ver, Adelaida, por exemplo, que é en castelán, é unha canción que viaxaba nos romances que se cantaban por Castela. Pero cando se adapta á nosa tradición, aínda que estea en castelán, ten parámetros lingüísticos e unha forma de cantala que se nota que é de Galicia. Entón, si que temos pezas en castelán e outras que mesturan galego con castelán, pero é que así tamén o facían as nosas vellas. Entón, queremos darlle naturalidade nese sentido.

—Que ten que ter unha melodía ou un cantar para que digan: «Imos facer esta»?

Bieito. Escollémolas sen orde ningún. Simplemente porque nos gustan ou porque son especiais para nós. Ao mellor, como nos pasou con Seixedos, vindo un día de actuar ou dalgunha recollida, imos cantando no coche unha melodía aleatoria que nos acorda, e se nos gusta, pois adiante.

—Son de moito ensaiar?

Xabi. Cando tivemos o primeiro concerto si que fixemos moitos ensaios, pero ao final, é que os nosos ensaios son no coche ou cando estamos nun bar con colegas. Obviamente, si que, por exemplo,si  estamos un mes sen tocar, quedamos e repasamos todo, pero ao ser un rollo tan acústico de dous baseámonos moito na química que temos entre nós. Hai máis de telepatía que de ensaio. Pero agora, para a Capitol si que levamos unhas semanas a tope.