Dani Fontán, autor de «Galician with Dani»: «Hai expresións do galego que son moi parecidas en inglés»

FUGAS

Dani Fontán (na foto, o mércores en Ferrol) ensina galego en internet.
Dani Fontán (na foto, o mércores en Ferrol) ensina galego en internet. JOSE PARDO

É o profe que conduce en TikTok e Instagram un método de ensino que entra coma «reel». Galego en inglés? Yes...

14 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Boas! Así saúda, nas redes e nas rúas, Dani Fontán, que leva tres anos con boas novas para os que queiran poñerse co galego... en inglés. Si. Este profe conduce Galician with Dani, que conecta galego e inglés sen problema nin reviravolta, nin interferencias.

­—Debe de ser o autor do único proxecto que invita a aprender galego a través do inglés. Non me consta outro.

—De feito, púxenme en marcha para encher ese baleiro cara a todo un sector potencial de galegofalantes. Decidín cubrilo empregando o inglés como lingua de comunicación, porque a meirande parte dos recursos están en castelán e en galego. Comezar dende cero é difícil. Eu levaba un tempiño observando dende a distancia a creadores como Esther Estévez, e vin que non había moitos recursos. Non sabía cal ía ser o meu ángulo e decidín botarme cara a este público.

­—Por que co inglés? Algo persoal?

—Si. Eu vivín en Estados Unidos, Finlandia, Italia, a República Checa, e tiven unha experiencia que é a que adoita ser a do galego no estranxeiro, esa experiencia da persoa que ten que explicar que é Galicia, que é o galego, cal é a realidade da pluralidade lingüística en España. Habitueime a explicar estas cousiñas e tamén a recibir unha resposta moi positiva, curiosidade, no estranxeiro. Entón, motiveime moitísimo coa idea.

­—Impresiona a acollida que adoita ter Galicia, a súa cultura e a súa lingua, fóra. É un orgullo que ás veces se bota en falta na casa?

—Si, é algo moi rechamangueiro. Fóra de Galicia non che preguntan por que falas galego, ou por que o galego é a túa lingua principal de comunicación. Paréceme un fenómeno curioso. Hai que percibilo e saber darlle a volta con orgullo.

­—A rivalidade entre linguas cooficiais non semella un debate cultural nin lingüístico. Que ameaza é saber máis linguas?

—Ningunha. Teriamos que ver as linguas como unha riqueza cultural, non tanto dende a ollada de motivacións políticas que levan a menosprezar o noso.

—Que atopa na rede?

—Eu empecei a compartir cousas sobre Galicia, a miña lingua, a miña cultura, e vin que esa curiosidade medraba. Atopei escaso rexeitamento. Non podo máis que sentirme abraiado. Algunha vez chámanme cousiñas que me quedan grandes, como «embaixador».

«Marabíllame encontrar músicos que crean en galego con esa paixón, que falan de autocoidado, sexualidade, deporte en galego... É emocionante»

—Chama a atención o fenómeno dos neofalantes. Casos como o do poeta Mario Obrero, que, coma Lorca, decidiu escribir un libro en galego. Que ten a nosa lingua que engaiola?

—É que é un sentimento. Vexo na rede que hai moita xente que marchou e quere reconectar coa súa familia de Galicia.

—Que é mellor que achegan redes como TikTok ou Instagram ao uso da lingua?

—Creo que son unha chave primordial para a normalización. Temos creadoras e creadores de contido marabillosos que están a normalizar o galego... Xa non é só o uso da lingua, senón que están a narrar o seu día a día en galego.

—Hai que sacalo do testo da cultura?

—O galego é poliédrico, ten que estar en todos os eidos. Marabíllame encontrar, xa dende hai uns anos, músicos que crean en galego con esa paixón, que falan de autocoidado, sexualidade, deporte en galego... É emocionante.

—É partidario do «galenglish»?

—Pois, mira, vou contestar de maneira galega: depende. Eu adoito empregar o galego normativo, pois é do que existen máis materiais na rede, podo compartir... Aí intento evitar interferencias lingüísticas. Logo, na miña vida persoal, intento non flaxelarme moito por empregar empréstitos do inglés, do castelán ou do que sexa. Sempre que non abusemos, non hai motivo para sentir culpa por usar palabriñas ou expresións alleas.

—É paleofalante ou neofalante?

—Son de Mugardos, pero toda a miña xente falaba castelán. Considérome neofalante. Non foi ata que fun a Santiago a estudar Historia que comecei a falar en galego. Foi todo un proceso!, eu tatexaba, ía moi inseguro...

—Ten o dicionario da RAG sempre a man?

—Si, sempre teño a man o Dicionario da Real Academia Galega e o Rinodicionario, que é moi recomendable.

—Parécense o galego e o inglés?

—Son as dúas linguas internacionais. Ás veces sorprende atopar expresións galegas como de cor ('de memoria'), parecidas a outras do inglés, como by heart. Hai expresións en galego que son moi parecidas en inglés, e non as hai en castelán.