Zavala: «Cantar en castelán non nos ofrecería máis saídas»

FUGAS

Velaquí outro novo nome ao que estar atentos na escena musical galega. Acaban de estrear disco, pero para nada son uns recén chegados

20 nov 2023 . Actualizado a las 21:56 h.

Apunten a referencia: Zavala. Chegan dende Ferrolterra coa determinante voz de Carla Romalde e o riquísimo imaxinario musical de Víctor Ledo á fronte. Preséntanse da man de Ferror Records cun primeiro disco de título tan ambicioso como a súa proposta: Pequeno manual para grandes cambios I (teoría e práctica). Un disco de pop elegante. Ou, quizais mellor, un disco elegante de pop. Cheo de contrapuntos. Intimista por momentos, insurrecto noutros. Acariñado polo popular ás veces, entregado á vangarda noutras. Complexo e fascinante, sempre. Feminista e apegado á terra, tamén. «Queremos seguir crendo no ser humano e que non nos estamos volvendo tolos como sociedade», comenta Carla Romalde, vocalista de Zavala.

—O volume II xa está escrito?

—Xa está escrito e gravado. Sairá na primavera do 2024. Mesmo xa está listo o que será o seguinte elepé.

—No primeiro disco os grupos adoitan rexistrar os temas que levan feitos dende que existen e no segundo é onde se advirte a evolución da banda. Imos vela?

—Sen dúbida. Vai ser un disco máis movido e moito máis electrónico. Seguiremos mantendo algunha canción de corte tradi e algunha que ten que ver coa temática da terra, pero despois xa viramos cara ao electrónico. Imos meter máis percusión, máis samples, máis sintetizadores… Si, vai ser unha evolución máis rompedora.

—Fálase moito agora da fusión entre electrónica e música tradicional. É citar esa idea e asoman nomes como Baiuca, Tanxugueiras, Mondra, Fillas de Cassandra... Zavala non vai por ese camiño. O voso é un disco clarisimamente de pop.

—Si, e non só iso. É que ademais é moi puro. Eu non teño autotune en ningunha canción. Na miña voz non se modifica nada. É pureza absoluta. Dentro de que si, que fusionamos e que imos tirar cada vez máis pola electrónica que tan presente está neses grupos que mencionas, nós queremos seguir conservando esa pureza. Queremos que nas nosas cancións se escoiten perfectamente todos os instrumentos. Porque, excepto as bases, os sintetizadores e os samples, todo é tocado por nós: a viola, o piano, o acordeón, o baixo, a guitarra, a frauta traveseira...

—Se cadra hai máis influencias da canción popular que do «tradi».

—Totalmente. Unha cousa é o ritmo que, si que nalgunhas cancións ten unha base tradicional, pero eu concordo en que realmente é un disco pop con grandes pinceladas de música popular galega.

—Por momentos, en «Todo o que quixen» ou «Domingo eterno» ata rapeas.

—Eu non me vira nunca nesa tesitura. Eu veño da ópera e dos coros, de cantar pureza máxima e sobreagudos. Despois estiven en grupos de bossanova, de fado, de jazz, de soul.... E de súpeto véxome rapeando e flipei comigo mesma. Con este proxecto estamos volvéndonos moi polifacéticas. É o que mola, que nunca sabes onde podes chegar. É unha continua exploración.

—Víctor Ledo pasa dos 40 anos e ti tes 30. Non sodes uns recén chegados ao mundo da música. Cal é a vosa traxectoria?

—Víctor tivera un grupo que soara bastante que se chamaba La Dance. Eu coñecino porque era un dos membros do tribunal das oposicións de música ás que me presentei no 2019. Escoitoume cantar e en febreiro de 2020 contactou comigo e pasoume uns temas que tiña compostos para ver se me molaba o rollo. Púxenme a escoitalos en bucle e flipáronme. Como estabamos en pandemia empecei a gravar as voces co móbil e cando pasou o confinamento gravámolas no local e decidímonos a formar banda. El xa coñecía a Cos e a Ana de anteriores proxectos e eu coñecía a Elena, que era amiga miña.

—Vedes espazo na actual escena galega para un proxecto como Zavala?

—O noso selo di que si que nos ven en festivais e no circuíto galego. De feito, de momento, é no único que nos vemos.

—Non contemplades o de saír fóra?

—De momento queremos proxectarnos en Galicia. Despois xa se irá vendo.

—Cantar en galego é unha limitación?

—Ao contrario. É certo que moita xente nos di: «Por que non compoñedes en castelán, que hai máis saída?». Eu non estou de acordo. Primeiro, porque penso que hai que apostar polo teu antes de apostar polo outro. E segundo, porque creo que en Galicia estamos facendo unha boa comunidade de músicos. É moi estimulante ver como moitos grupos que están nacendo agora, están a medrar grazas ás colaboracións e os apoios que reciben de xente que xan ten máis renome. Iso no panorama nacional non pasa tanto. En Galicia temos a posibilidade de ir medrando dende abaixo. En España, ou tes un padriño, ou xa es rico, ou vés de bo berce. Se non é moi complicado. A min esa xente que flipa co anuncio do Gadis «ay, Galicia que bonito!», e despois é a primeira que che pregunta por que non cantas en castelán, tócame bastante o nariz.