Músicas de contrabando

FUGAS

O encontro de músicas transfronteirizas, MUMI, reúne en Tui e Valença a 20 bandas de Galicia e Portugal e reflexiona en torno aos fluxos artísticos entre os dous territorios

30 sep 2022 . Actualizado a las 11:02 h.

Por moito que insistamos nesa idea romántica de que o Miño non separa senón que une os territorio de Galicia e Portugal, cando menos, no eido musical a realidade e ben diferente. Apenas existen fluxos nin conexións entre a industrias musicais dos dous territorios. Xa non falamos dun circuíto común que ben podería aproveitar a gran efervescencia creativa que se está a vivir en ambos lugares e as sinerxías do que a cada beira se xera. «É moi representativo que, por exemplo, Caamaño & Ameixeiras que este ano non só están tocando en toda Galicia senón tamén en moitos lugares de España aínda non teñan actuado nunca en Portugal. E outro tanto ocorre con bandas que se fartan de tocar no norte do país veciño pero que en Galicia son totalmente descoñecidas», apuntan os organizadores do encontro.

Coa intención de ir tecendo pontes que procuren a desaparición desas eivas naceu hai tres anos o MUMI, o encontro profesional de músicas Galicia-Portugal. Moitas das súas boas intencións quedaron cando menos mermadas nas dúas primeiras edicións por causa da pandemia. Case podería considerarse que esta vai ser a primeira na que o MUMI se celebre tal e como foi concibido.

Dez artistas galegos (Brais Morán & Nasafunk, Brassica Rapa, Caamaño & Ameixeiras, Caldo, Golfiños, Momboi, Mounqup, Néboa, Xan Campos Trío e Xosé Lois Romero & Aliboria) e outros dez de Portugal amosara?n ao pu?blico, tanto ao profesional como ao xeral, a diversidade de propostas musicais que conviven na escena actual dos dous territorios.

As actividades programadas e showcases, que comezou o xoves, estanse a desenvolver no Teatro Municipal de Tui e no Espazo OFF da Academia de Música da Fortaleça de Valença, en tanto que os concertos abertos ao público teñen lugar na avenida da Estaçao de Valença e no Paseo da Corredoira de Tui.

A programación musical do venres inclúe os concertos de Caamaño & Ameixeiras (12 h), Xan Campos Trío (14 h), Crua (16.30 h), Caldo (17 h), Birds are Indie (19 h), Néboa (19.45 h), Dapunksportif (20.45 h) e Mounqup (22 h).

FESTIVAL TRANSFRONTEIRIZO

O sábado contará durante toda a xornada con animación de rúa a cargo de Brassica Rapa, ademais de sendos showcases de Space Ensemble e Golfiños. Ás seis da tarde, en Tui, dará comezo o Festival Rio Minho Transfronteiriço, no que participarán catro bandas da escena emerxente, todas elas de cidades situadas á beira do río. Dende A Garda chegan Helen & Shanna; dende Monçao, Rackham; dende O Porriño, Rockin’ Gina & The Sentinels e Jasper, desde Valença.

Con esta iniciativa, o MUMI pretende xerar un retorno na comunidade onde se celebra o encontro e achegar un valor engadido ás iniciativas locais en materia de música.

 

OUTRAS ACTIVIDADES

Ademais dos showcases, o MUMI alberga tamén un programa de faladoiros nos que se abordan temas como o financiamento público para proxectos culturais (redes de financiamento, circuítos institucionais, apoios públicos…); as relacións entre axentes culturais e representantes políticos; o estatuto profesional da cultura (comparando a situación actual en Galicia e Portugal); o papel dos medios de comunicación nas promocións artísticas; os retos de futuro á hora de promocionar proxectos artísticos nunha era dixital así como a posibilidade de crear proxectos transfronteirizos entre Galicia e Portugal, con exemplos inspiradores dos dous países.