O primeiro e o último títulos de Casares forman parte da relación afectiva de Berta Dávila —premio Xerais e Jules Verne no 2021— coa literatura. «Hai un conto de O vento ferido, 'A rapaza do circo', que me gusta especialmente. Ese conto remata dicindo que onde antes estaba o circo só queda un redondel. A idea ten moito que ver co que é a literatura, esa marca do redondel que deixa unha cousa coa evocación», sinala a autora de Os seres queridos, que tamén lle quere ben a O sol do verán «un relato potentísimo, que ten unha capacidade de impacto e de pervivencia, de fascinar o lector, que non esmorece. Ese verán que describe, a premisa da que parte, relatando a novela de atrás para diante... É un libro absolutamente contemporáneo, moi próximo aos lectores de agora», asegura Dávila.
O sol do verán foi tamén unha cálida descuberta de adolescencia para Andrea Maceiras (A Coruña, 1987), premio 2020 dos Clubs de Lectura da Consellería de Educación de Galicia á autora máis lida. «En primeiro de bacharelato, tiña unha optativa de literatura galega e así descubrín a Casares. Daquela escollín O sol do verán porque me chamou a atención que o personaxe se chamase igual que o seu autor. Desas cousas que te sorprenden cando es adolescente...», ri a autora de A folla azul. «É unha novela que é mellor non resumir, que hai que ler. É a historia dun personaxe ausente, Carlos, e como vai falando del alguén que o quere moito. Esa especie de intriga psicolóxica que se vai tecendo gustoume moito. A novela quedou gravada no meu pensamento e na miña bagaxe literaria e supoño que influíu nalgunhas cousas que escribín», engade Andrea, que cando vai aos coles e institutos a dar charlas aos alumnos leva sempre un Casares con ela. «Sempre hai un libro do que lles falo: O sol do verán. Pode interesar a calquera idade e é un bo achegamento á narrativa galega».