Momentos de felicidade

Carlos Casares Á MARXE

FUGAS

11 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns meses, viñéronme ver dúas monxas para pedirme que lles dese unha conferencia ás súas alumnas dos cursos superiores do bacharelato, nun colexio privado. Foi una experiencia moi grata. Despois de aturar os berros dun energúmeno que me urxía a estacionar o coche en función do seu egoísmo, non do meu dereito e a miña necesidade, a entrada no recinto conventual recordoume de súpeto que a cortesía, ese ben tan escaso, empeza a ser virtude heroica, compoñente case exclusiva da santidade.

Dei a conferencia, invitáronme a merendar con protocolo e cerimonia, incluída servilleta e mantel, é dicir, todos eses anacronismos deliciosos que poden converter un acto intranscendente nun anaco inesperado de felicidade. E por riba de todo isto, como se non me sentise ben pago, aínda me preguntaron que me debían.

Onte, transcorridos varios meses despois daquela agradable velada, as monxas viñéronme ver. Traíanme un regalo. Abrín o paquete e quedei sorprendido, unha vez máis, da súa delicadeza: unha fermosa pluma estilográfica, un dos obxectos que amo. Cando lles dixen que me adiviñaran o gusto, unha delas, cun colorete repentino e delicioso sobre a brancura da cara, confesoume a verdade: escoitáronme falar diso na radio. Quedei con ganas de darlles un bico, pero non o fixen porque creo que é pecado.

12 de decembro de 1993