Antía Yañéz: «Os best-sellers eróticos son un 'A bela e a besta' sexual»

FUGAS

MARCOS MÍGUEZ

Tras acadar o éxito con «Senlleiras» (sexta edición), sorprende coa súa novela máis persoal, «Non penses nun elefante rosa», unha frase que lle deu a psicóloga. «A revolución sexual realista aínda está por chegar», afirma. Ela é a gran esperanza «millennial»

06 feb 2022 . Actualizado a las 11:02 h.

Non penses nun elefante rosa. Pero que fas? Xa estás pensando no elefante rosa, non? A magnética idea dá título á nova novela para adultos de Antía Yáñez (Burela, 1991), que a tomou dunha das psicólogas que tivo. «Tiven moitas, porque vou pola Seguridade Social...», conta. A novela máis persoal da autora de Senlleiras chegará ás librarías o día 17 en galego, en Xerais, e o 21 en castelán e catalán, no selo Contraluz. Para despedir o 2021, esta seguidora de Harry Potter que deixou de agardar carta de Hogwarts aos 12 puxo un pé no 2022. O 30 de decembro anunciou no Instagram a saída do seu novelón (máis de 400 páxinas) sobre unha millennial con pensamentos intrusivos que deixa espida a precariedade laboral, sentimental, vital dunha xeración.

Antía cítame na praia do Pedrido. Vén coas súas cadelas Lúa e Pipa, que corren levadas do demo pola area, como os diálogos e os pensamentos en cursiva de Non penses nun elefante rosa diante dos ollos.

A autora que enfeitiza os nenos e nenas por obras como O misterio de Portomarín, Be Water ou Plan de rescate vive en Cecebre dende o 2015 «ou o 16», coa súa parella, dúas cadelas e un gato que, ás veces, se levan ben.

Antía Yáñez na praia do Pedrido coas súas cadelas Lúa e Pipa.
Antía Yáñez na praia do Pedrido coas súas cadelas Lúa e Pipa. MARCOS MÍGUEZ

—De que vai a novela? Non é doado dicilo.

—Non, non, a miña nai preguntoume moito: «De que vai a novela?». E eu dicíalle: «Pois non sei, mamá, tes que lela...». A ver.

—É unha historia diferente, un cravo ardendo. É a outra cara da moeda do mundo perfecto, riquiño, de Instagram. Que lle ocorre á protagonista, Aurora?

—Aurora é unha millennial cun problema de saúde mental, pero de portas para fóra semella que todo lle vai ben. E é reflexo da sociedade na que me tocou medrar e vivir, a das dúas crises, a da precariedade laboral, a da ansiedade todo o tempo.

—Ela ten pensamentos intrusivos...

—Si, e ás veces son moi difíciles de levar, porque cres que son a verdade absoluta.

—Ten que ver con iso que din algúns mestres da autoaxuda: «Creas o que cres».

—Non son moi fan dos libros de autoaxuda. A mellor autoaxuda é da psiquiatra e a psicóloga.

—E pode que tamén a ficción...

—Si, porque a ficción conforma realidades. Se ter problemas de saúde mental é ser Sheldon Cooper petando na porta de Penny tres veces e que gracioso todo, non te paras a pensar que hai outras realidades.

—Como fixeches a personalidade de Aurora, esa muller independente pero escrava de si mesma. Ten ás veces unha voz atroz?

—Eu pensei en cousas que vivín. Eu estou diagnosticada de trastorno obsesivo-compulsivo. Non son Aurora, pero ela ten algunhas vivencias miñas. Ela non reacciona como reacciono eu, e iso é o que me fai graza, imaxinarme outra persoa vivindo o mesmo que eu.

—Atrévese ela a cousas que ti non?

—É máis como ve ela a vida, como a toma. Deille liberdade para decidir.

—Aurora non se quere nada, non é indulxente consigo. É un conflito xerado pola presión social?

—A sociedade inflúe. Hoxe tes que ser produtivo todo o día, todos os días. Tes que estar perfecta sempre. Tes que ser unha supermuller. Tes que estar ao cen por cen. «Só triunfan os mellores», «Se o queres, esfórzate». Pero somos a primeira xeración que vai vivir peor que os nosos pais. Hoxe, estudar, formarte moito, non che garante nada. É moi duro: esfórzaste, esfórzaste, esfórzaste... e non vives mellor.

—A cultura do esforzo é unha trampa?

—A cultura do esforzo pode ser frustrante. Creo que unha parte de que haxa tantos problemas mentais débese á cultura do esforzo. Pero ninguén di que para acadar o éxito nesta vida as máis das veces conta máis a sorte que o esforzo.

­—Hai que crer en algo, sen esperanza non hai motor.

—Tamén, si. Iso trátoo un pouco na novela. Pero a túa meta debe ser realizable. Se a túa meta é ser Lady Gaga, seguramente fracases.

—Sénteste parte dunha xeración literaria, dunha «nova narrativa galega»?

—Coñezo menos millennials que se dediquen á narrativa que millennials poetas. A miña voz, por exemplo, non ter nada que ver coa de Berta Dávila. Pero cada vez que Berta Dávila saca un libro mércoo. Son fan. En castelán, hoxe estou máis no ensaio...

A novela sairá o 17 en galego en Xerais, e o 21 en castelán e catalán da man de Contraluz.
A novela sairá o 17 en galego en Xerais, e o 21 en castelán e catalán da man de Contraluz.

—En «Non penses nun elefante rosa» asoman sobre todo poetas: Rosalía, Pizarnik ou a «Pornografía» de Lupe Gómez.

—Si, pero agora en galego estou lendo máis narrativa. En castelán, son fan de Nieves Concostrina. Cando era pequena lía todo homes, agora leo case todo mulleres. Vai por rachas. E iso que de rapaza tiven sorte; lin moito a Laura Gallego, a J. K. Rowling... Fun sobre todo de Harry Potter, que me facía esperar algo con moita-moita-moita ansia. Eu tiña que esperar dous anos entre libro e libro! A xente espera polas temporadas das series, eu esperaba polo vindeiro libro de Harry Potter.

—Medraches agardando carta de Hogwarts?

—E aos 12 anos desistín.

—Os libros, moitas novelas eróticas, acompañan o salto de Aurora á idade adulta. Foi o mesmo para ti?

—Un verán na casa dos avós maternos, atopei un alixo de novelas románticas... que de románticas non tiñan nada! Collía todo o que podía ás agochadas. Ler ese tipo de novelas producíame emoción. Era: «Que guai que podo ler disto, do que non podo falar con ninguén». É un capítulo da miña vida que hoxe me produce ambivalencia. Faime graza lembralo, pero creo que non foi unha boa educación sexual, porque hai un patrón horrible, que eu pensei que quedara atrás, pero está en best-sellers como Cincuenta sombras de Grey e After. Os best-sellers eróticos son un A bela e a besta sexual. Cando vou dar charlas aos institutos, sempre lles digo: «Estas novelas baséanse en 'ela non sabe nada de sexo, el sábeo todo e deitouse con medio mundo, el ensínalle cousas de tipo sexual porque ela é 'a elixida' e, a cambio, ela arránxalle a el o seu traumita, porque todos teñen un traumita».

—Pizarnik chegou á túa vida moito despois que as novelas rosa de alto voltaxe?

—Si. Foi nun club de poesía da libraría Moito Conto. Os versos que collín para esta novela son os que deixou Pizarnik na parede cando se suicidou: «No quiero ir nada más que hasta el fondo». Nas súas obras completas atopei poemas que non entendía, pero outros parecíanme perfectos. Na vida, moitas veces, é así, non entendes nada de nada e outras veces é todo perfecto.

—Subliño esta frase da novela: «As vaxinas nunca menten». Algúns cren que si...

—Ah, si... Se sabes ler ben unha vaxina é difícil que minta. Non podes obrigarte a sentir desexo. Outra cousa das noveliñas que atopei de rapaza que me horrorizou foi que sempre amosaban o mesmo tipo de home: un home duro, musculado, que non sente nin padece e que vai pola vida rompendo corazóns ata que chega a muller axeitada. E a muller axeitada é un osiño de peluxe! Custoume entender que non me gustaban os tipos duros.

—A novela combate os ideais, a idea do amor que non dubida, do amor dunha vez e para sempre. Pero o amor dubida.

—Claro, pero Aurora cre que se dubidas no amor é que non é de verdade. Isto é algo perverso que eu escoitei moitas veces na vida: «Si te estás preguntando si quieres o no a tu novio, ahí tienes la respuesta». E eu: «Perdoa?».

—O corpo da muller é o campo de batalla do feminismo?

—Cando eu era pequena, un dos primeiros contactos co feminismo foi un artigo que dicía: «Por que todas as presentadoras son guapísimas, con tipo... e os presentadores poden ser feos, vellos e calvos?». En vez de ir para adiante, en vez de que poidan ser as presentadoras gordas, feas e calvas, imos ao revés. Agora, eles teñen que ser Adonis! A gran presión da imaxe.

—Tes unha ollada feminista, que integras con naturalidade na vida e na escrita.

—Eu son así e escribo o que apetece escribir. Supoño que o que son e o que penso reflíctese na miña escrita.

—Pero non tes problema en saír en bikini no Instagram con naturalidade.

—Se saio ben, poño a foto! Pero non me gusta nada saír nas fotos. Poño poucas.

—Como ves a educación sexual dos rapaces de hoxe?

—Pésima, nunca a houbo e seguimos igual.

—A sexualidade da muller segue sendo tabú?

—Coido que tabú non, pero séguense amosando o mesmo tipo de relacións sexuais, nas que a muller chega ao orgasmo co mete-saca faciente coma un home. Estou farta de ver iso en pelis, libros, series... A revolución sexual realista aínda está por chegar. Hai que reivindicar unha sexualidade realista, non a do porno.

—Moléstache que o «SloMo» gañase o pase a «Eurovisión»?

—Non. É que hai tropemil letras de reguetón como esas que están triunfando. E o problema foi do xurado, non da cantante.

—Esta novela é a máis persoal?

—Si. A máis persoal e a que máis odio tamén. Gústame a ficción porque iso da vida que non me convence podo cambialo.

—É un pouco psicólogo o escritor?

—Eu traballo a psicoloxía dos personaxes. É tan sinxelo comprender os personaxes e tan difícil comprenderme a min mesma...