Unha pioneira do século XIX

FUGAS

ANGEL MANSO

A escritora sufriu nas súas carnes a misoxinia imperante na época, non en van foi vítima directa dela a pesar da súa posición privilexiada. Pecháronlle as portas da Real Academia Española ata en tres ocasións... Xa levamos un camiño andado grazas ás que comezaron, como dona Emilia

18 ene 2021 . Actualizado a las 19:01 h.

A escritora coruñesa Emilia Pardo Bazán era a única filla dun matrimonio fidalgo que se esmerou na súa educación, posibilitando as súas viaxes por Europa e as longas estadías en Madrid. Cen anos despois do seu falecemento, a súa figura segue de actualidade, ben pola finalidade que se lle dará ao Pazo de Meirás, da súa propiedade antes da usurpación de Franco, ben polo frívolo interese das cartas aparecidas, mais, fundamentalmente, pola súa destacada obra literaria.

Como analiza Isabel Burdiel na extraordinaria biografía Emilia Pardo Bazán, a escritora posuía unha personalidade contraditoria. Manifestou sempre unha posición elitista, profundamente católica, conservadora, carlista e, en non poucas ocasións, defendeu ideas reaccionarias. Porén, tamén é innegable a súa defensa firme da igualdade da muller perante o home, así como do seu dereito á educación para sermos libres.

A escritora sufriu nas súas carnes a misoxinia imperante na época, non en van foi vítima directa dela a pesar da súa posición privilexiada. Así, pecháronlle as portas da Real Academia Española ata en tres ocasións con ataques machistas de Menéndez Pelayo, Juan Valera ou Clarín, algúns de tan alto nivel intelectual como o que afirmaba que non lle collía o cu nas cadeiras da institución. Con anterioridade, o feito de ser muller vetáraa para acceder á universidade, malia que foi nomeada despois catedrática pola Universidade Central de Madrid, mais o que era unha boa nova tornouse en amarga ao matriculárense só tres alumnos na súa clase e ser vítima do boicot que a levou a desistir. A primeira catedrática dunha universidade española, a primeira presidenta da sección de Literatura do Ateneo de Madrid, a primeira presidenta de honra da RAG -no outrora domicilio da escritora está a sede da institución e a súa Casa-Museo- e, con todo, sabíase lonxe de avanzar na consciencia feminista, polo que bota a andar a Biblioteca de la Mujer.

Na novela La Tribuna coñecemos a Amparo, a traballadora da tabacaleira de Marineda que defende a incorporación da muller ás fábricas para ser independente. Noutras como Morriña ou Insolación, publicadas co subtítulo «Historias amorosas», se reivindican as mulleres que aman libremente, con personaxes como a marquesa de Andrade, unha viúva que namora dun home novo, e se enfronta á sociedade do momento que non ve con bos ollos a relación.

Nos seus relatos retrata tamén os problemas das mulleres: a violencia de xénero, as consecuencias dos matrimonios concertados, o abandono dos homes, as desigualdades... En moitos casos eran cuestións que trataba nos artigos de prensa, pero a ficción permitíalle ser menos moderada. Un deses contos, El indulto, xea o sangue ao lelo, coa tensión mantida ata a última liña. É a historia de Antonia, a muller que ten terror ao regreso do seu home que está no cárcere por asasinar á propia nai. En vinte anos non consegue o divorcio del e un día vén cumprir a palabra de matala. Por desgraza as mulleres do século XXI seguen a ter pánico da violencia machista e seguimos a esixir dereitos, aínda que xa levamos un camiño andado grazas ás que comezaron, como dona Emilia.