Dez libros galegos que non podes deixar de ler

FUGAS

Dez títulos galegos imprescindibles, elixidos con axuda de seis profesionais do mundo do libro en Galicia
Dez títulos galegos imprescindibles, elixidos con axuda de seis profesionais do mundo do libro en Galicia FUGAS

As nosas xoias son máis. Estes, só algúns imprescindibles, elixidos coa axuda de Domingo Villar, as editoras Malores Villanueva e Dores Tembrás, e os libreiros Xurxo Patiño, Esther Gómez e Xacobe Pato

24 jul 2020 . Actualizado a las 09:19 h.

A biblioteca persoal é máis de facer sitio onde lle cadre aos que van chegando que de deixar marchar. A familia que nos dan os libros ten unha liñaxe máxica, infinita, sen propósito de despedida ou final, pero quixemos convidar a autores, editores e libreiros a facer unha selección de títulos galegos que non se poden deixar de celebrar. Non é o ránking do verán, son un abano de títulos que resisten invernos e veráns.

OS FAVORITOS SUPERAN OS DEZ

«Máis que nos ránkings, gústame pensar nesa biblioteca persoal que nos sostén como lectores, sobre todo polo impacto que eses libros teñen en nós, a felicidade e o consolo que nos achegan», expresa a poeta Dores Tembrás, editora de Apiario, unha das profesionais do libro que participan nesta escolma de imprescindibles. O escritor Domingo Villar, a crítica e editora de Galaxia Malores Villanueva, e os libreiros Esther Gómez, Xurxo Patiño e Xacobe Pato aceptaron tamén o reto de facer para Fugas unha selección literaria de mínimos dende unha ollada persoal sen limitacións de tempo, idade e xéneros.

A esmorga, a novela máis popular de Blanco Amor, que cumpriu os 50 anos cunha edición de luxo, é a obra que máis sae no top dos favoritos. Escrita ao longo de 1955 durante cinco meses, apunta Malores Villanueva, a peza que eclipsou o resto da produción de Blanco Amor topou de fronte coa censura, tivo que publicarse en Buenos Aires e agardar case quince anos a chegar ás librarías galegas. «Para min, é a gran novela galega», afirma a editora de Galaxia sobre o relato de 24 horas en Auria, en tres tempos, que nos cala ata os ósos coa chuvia da mellor literatura. «Considero A esmorga a mellor novela da súa época ou incluso a mellor das nosas letras», reforza Xurxo Patiño, de Librouro, que apunta outro dos imprescindibles desta escolma, Follas novas (1880), que aínda move ao asombro co seu limiar, a fondura existencial e a denuncia que non esmorece en As viúdas dos vivos e dos mortos. O libreiro de Librouro inclúe na súa selección Espantallo amigo, de Xosé Neira Vilas, na súa edición orixinal de Ediciones Celta. «Ten para min un especial valor sentimental porque foi a miña primeira lectura en lingua galega de raparigo», revela quen recomenda amais Memoria de ferro (2005), de Antón Patiño Regueira («unha manchea de lembranzas da Guerra Civil e a posguerra en Galicia») e, entre outros grandes do país, Que me queres amor? (1995), o volume de contos de Manuel Rivas que nos emocionou cunha soa pregunta, cun verso de Fernando Esquío.

Estes relatos están na selección de grandes favoritos de Domingo Villar, mentres que O último día de Terranova e Os libros arden mal, tamén de Rivas, fican entre as novelas máis queridas por Xacobe Pato, de Cronopios, e Esther Gómez, de Moito Conto.

O creador do lacónico inspector Leo Caldas está con Ollos de auga, primeira peza da súa exitosa aventura na novela negra, no top da libreira de Moito Conto, que cita entre os seus grandes Arraianos, de Méndez Ferrín; Herba Moura, de Teresa Moure, e Tempo fósil, premio nacional de poesía.

Na felicidade con pouso que dá a poesía, Dores Tembrás, que invita a percorrer Os camiños da vida (1928), de Otero Pedrayo, menciona outras vías luminosas: Códice Calixtino (1986), con esa plenitude que acadou nos contrastes Luz Pozo Garza; Tempo de ría (1992), no que «Eu tamén navegar» con Xohana Torres, e a Poesía última de amor e enfermidade (1995), de Lois Pereiro, vida a tumba aberta que non perde a furia no seu xeito de falar.

Xeración Lamote

Cos fíos da vida que tecen os relatos de Fernández Paz comezou a ler, coma moitos, Domingo Villar. «Hai que reivindicar a importancia e a calidade da literatura infantil e xuvenil en Galicia, que é un referente en todo o Estado xa desde hai tempo coa que Manuel Bragado deu en chamar "xeración Lamote" (Xaquín Marín, Xabier Puente Docampo e Agustín Fernández Paz), con dignos e actuais sucesores coma García Teijeiro, Marcos Calveiro, María Reimóndez ou Francisco Castro», subliña Xurxo Patiño, de Librouro. As cartas de inverno, de Fernández Paz, abrigan o corazón da libreira de Moito Conto, Esther Gómez, quen inclúe tamén na súa «biblioteca gozosa e representativa» de Galicia A memoria da choiva, de Pedro Feijoo; Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. Docampo, e As rulas de Bakunin, de Antón Riveiro Coello, novela que escolle entre as súas favoritas Malores Villanueva. Na escolma da editora non falta Xosé Luís Méndez Ferrín con Antón e os inocentes (1976), Premio da Crítica Española que, segundo Ferrín, amosa as súas «páxinas máis exactas, duras e esixentes», mais non tan celebradas como as de Arraianos, convite en dez relatos ao cumio do realismo máxico do noroeste.

A obra xornalística de Carlos Casares, recollida pola Editorial Galaxia en Á marxe, merece a lectura ao longo, segundo Domingo Villar, mentres que Vento ferido (1967), do mesmo Casares, enfeitizou a Xacobe Pato en «doce contos duros, doce historias de violencia e resignación».

«Auténtica referencia nacional feminista», subraia Xurxo Patiño, María Xosé Queizán é unha pioneira que inventou camiño, e Amor de tango (1992), a novela que reescribe dende a Transición o discurso sobre a muller en Galicia.

Amais de con brío, e de cunha xeración de poetas que escacharon o molde, os noventa chegaron a Galicia en Ambulancia (1990), «marabillosa homenaxe compostelá de Suso de Toro ao xénero negro americano», anota Xacobe Pato, que non teme sobrepasar o cambio de milenio na selección de grandes. Pensa nao (1999), de Anxo Angueira, un dos imprescindibles de Dores Tembrás, é a poderosa biografía colectiva que pode pechar a década.

O noir tingue de glamour as nosas letras con pezas como A noite enriba (2015), de Diego Ameixeiras, propón Cronopios.

Entre os favoritos máis novos, o noso «xurado» menciona a Berta Dávila con O derradeiro libro de Emma Olsen (2013) e con Carrusel (Premio García Barros 2019). Ler esta última novela «é como sentar nun banco diante dun parque abandonado, coa beleza e a tristeza que iso implica», estima Xacobe Pato, e a novela Circe ou o pracer do azul (2009), de Begoña Caamaño, unha brillante revisión da mitoloxía grega dende a ollada feminista.

Imos chegando á última liña cos andeis da memoria cheos de libros que aínda non dixemos e que convidan a lermos sen fin, a pensar Sempre en Galiza (1944).

 Dez xoias de distintas idades

 1 «Follas novas»

Rosalía de Castro é o gran referente das nosas letras. O poemario «Follas novas» (1880), cunha nova reedición en Xerais, é como unha rosa con cen vidas, unha bandeira poética de liberdade.

2 «A esmorga»

Imprescindible peza de Blanco Amor que se enfrontou a 15 anos de censura, «A esmorga» (1959) vén de cumprir 50 anos como un fito da novela de posguerra.

3 «Que me queres, amor?»

Manuel Rivas obtivo o Torrente Ballester e o Nacional de Literatura no 96 con estes 16 relatos, que inclúen o levado ao cine «A lingua das bolboretas».

«Resistencia»

O debut de Rosa Aneiros está no top de favoritos de Domingo Villar e da libreira Esther Gómez. «Resistencia» percorre a historia de Portugal en clave de resistencia antifascista.

5 «Merlín e familia»

«Ler a Cunqueiro é o camiño máis curto para namorar de Galicia», di Xacobe Pato, de Cronopios. «Merlín e familia» é a fantasía mestra do mago Cunqueiro.

6 «Amor de tango»

Gran referencia feminista, María Xosé Queizán espella en «Amor de tango» (1992) o Vigo da república e da represión franquista a través dos recordos de Margot poñendo o foco nas mulleres traballadoras.

7 «Os fillos do mar»

Pola aparente sinxeleza e pola capacidade de ampliar públicos, esta novela de Pedro Feijoo é unha das favoritas dos libreiros, que mencionan outros títulos do novelista e valoran a gran calidade do «noir» galego.

8 «As rulas de Bakunin»

Premio García Barros, «As rulas de Bakunin» (2000) fan de Riveiro Coello un clásico vivo. Para gardar esta novela e estas cartas que acubillan a memoria de Galicia.

9 «Vento ferido»

Doce relatos marcados pola violencia, a soidade e o fatalismo, dende a mirada orixinal e humana dun Carlos Casares que firmaba o seu debut na narrativa, en 1966.

10 «Lumes»

No top dos favoritos de Malores Villanueva, «Lumes» (2017), de Ismael Ramos, é un dos poemarios que namoran e convencen de que hai voces novas capaces de descifrar vellas feridas.