Franco Grande, a arca do tesouro da cultura galega

FUGAS

Oscar Vazquez

«Entre o si e o non» medrou a afouteza do poeta, dun gran memorialista que reparou fendas. Tres autores subliñan o seu legado

03 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A perda é grande para a cultura, do volume do primeiro dicionario que ensinou a varias xeracións a falar, coñecer e saborear a lingua galega. «A amizade é cultura», sentenza Xosé Luís Franco Grande (Tebra, Tomiño, 17 de febreiro de 1936-Vigo, 31 de marzo de 2020) na súa última peza nas páxinas de La Voz de Galicia, chave para abrir a porta invisible da súa soleira, o espazo de liberdade no que exerceu con rigor e denodo o oficio de defender o medidor máis fiable da riqueza dun país, a súa cultura.

Autor do Diccionario galego-castelán, non hai quen ignore o significado desta obra. Son e sentido, con todas as acepcións. «El foi pioneiro. O seu dicionario foi das primeiras obras que merquei cando cheguei a Galicia e aínda non pensara en ser escritora galega. Tiña o dicionario de Franco Grande e o de don Eladio», recorda Marilar Aleixandre, que apunta que é un traballo moi anterior á Lei de Normalización Lingüística, de 1983. «Daquela non había ferramentas. O Diccionario galego-castelán foi un traballo, como todo o que facía Xosé Luís, dunha grande profesionalidade. Esa profesionalidade, a disciplina e o seu fondo coñecemento da lingua e a cultura galega foi o que aplicou nesa obra de referencia», destaca a escritora que ingresou na Real Academia Galega no 2017.

DICIONARIO DE REFERENCIA

«O dicionario que tiñamos á man era o del ata moi entrada a década dos oitenta. Foi un traballo que lle encargou a editorial Galaxia, como foi unha encarga a gramática de Carballo Calero. E esas eran as únicas ferramentas que tiñamos para aprender galego, o kit cando non había lingüistas», achega o sociolingüista e académico da RAG Henrique Monteagudo. O Diccionario galego-castelán é herdeiro do enciclopédico de Eladio Rodríguez, «que Galaxia conseguiu publicar grazas ao apoio da comunidade emigrante en Caracas», engade. Aquel, lembra Monteagudo, era un dicionario en tres volumes, e non de manexo fácil. «Franco Grande fixo, primeiro, unha peneira do dicionario de don Eladio, e despois incorporou moita documentación da súa zona, vocabulario da comarca do Baixo Miño, nun labor pioneiro e valiosísimo. Recordo oírlle a Carlos Casares que foi unha obra fundamental para Galaxia, tamén economicamente».

"Foi pioneiro. O dicionario de Franco Grande e a gramática de Carballo Calero eran as únicas ferramentas que tiñamos para aprender galego"

Pero el sobre todo é poeta, afirma Monteagudo. «Un dos grandes da súa xeración, da xeración das Festas Minervais. Un poeta non moi prolífico, pero de grande calidade, con carácter», reforza. Sobresaínte autor, sen servidumes, de Entre o si e o non, Premio Nacional de Literatura Rosalía de Castro, Franco Grande atrapou, e compartiu, Brétemas do vieiro -inédito-, Xoguetes do tempo ou o Libro das abandonadas, pero non se prodigou na comercialización dos seus poemas coma na atención ao rigor na procura existencial da súa escrita.

O MEMORIALISTA DA RESISTENCIA

A súa dimensión cultural e política «no sentido máis amplo» é a que distingue o escritor e académico Manuel Rivas. «Xogou un papel de ponte dende a xeración Nós, fundacional, e as vindeiras para non sucumbir ao río do esquezo. O seu labor foi de reconstrución. Unha persoa que é quen de facer un bo dicionario xustifica xa unha vida cultural. Ese dicionario é coma unha arca para unha vida, unha arca salvadora das palabras», valora Rivas.

"Foi a ponte da xeración Nós ás vindeiras, para non sucumbir ao río do esquecemento"

Franco Grande palía un baleiro, a carencia de testemuños da resistencia cultural contra a opresión do franquismo. «O peor que lle pode pasar a unha lingua, a unha cultura, é perder a súa transmisión. Porque iso é un naufraxio. No 68, nese momento en que el publica o seu dicionario, repara unha fenda, evita o naufraxio», continúa o autor de En salvaxe compaña.

Arca do tesouro léxico de Galicia, e arca fronte os ventos que asolagan a cultura, Franco Grande é o gran memorialista. Deixa pegada na obra A ilusión da esperanza, que vén de publicarse ampliado para agasallarnos cunha galería de retratos literarios e humanos. «Despois de falar con Ramón Piñeiro vese o mundo doutra maneira», alumea Franco Grande nestas memorias que achegou en Fugas a escritora Marina Mayoral.

Os anos escuros é un facho do legado do intelectual. «El tiña opinión propia, non mordía a lingua -valora Marilar Aleixandre-. Encarna a resistencia cultural nos tempos escuros de Galicia». «A súa é unha figura heroica no mundo do galeguismo. A súa traxectoria revela unha lealdade estrita aos ideais galeguistas, que o marcaron claramente ata o final da súa vida», subliña Henrique Monteagudo. As memorias Os anos escuros. A resistencia cultural dunha xeración, nas que destacan figuras como Ramón Piñeiro, Borobó e Domingo García Sabell, é o testemuño da evolución campo a través do galeguismo fronte ao franquismo ata a chegada da democracia. «El comprometeuse nun momento no que non era doado, e mantivo o compromiso ata o final», afirma Rivas.

"El tiña opinión propia, non mordía a lingua, encarnou a resistencia cultural nos tempos escuros de Galicia. É fundamental a súa lectura por parte da xente nova"

Respectuosamente conmovido fica o mundo que cultiva o amor pola palabra. De onde vimos? Á pregunta responde a escrita de Franco Grande. «É fundamental a súa lectura por parte da xente nova», insta Marilar Aleixandre.

O Franco Grande xornalista, que acadou a construír na lingua, na súa soleira, unha casa para o ser, ao modo de Heidegger, nunca escribiu de brazos cruzados. Se a amizade é cultura, o vínculo do saber será eterno, indestrutible.

Unha escolma para salvar a memoria

Fugas

• • • Os anos escuros «é un libro que se proxecta cara ao futuro», achega Manuel Rivas destas memorias fundamentais do galeguismo. Unha obra na que Franco Grande revela a súa consistencia de ponte para reconstruír as fendas dos anos escuros. Clave para entender a Galicia de hoxe.

• • • O Diccionario galego-castelán, que publicou en Galaxia no 68, é pioneiro. «O primeiro que eu lin», revela Marilar Aleixandre, o primeiro para moitos ata ben entrados os 80. Viu a luz en Galaxia no 68, como un labor de reconstrución cultural de Galicia ante a pisada esmagadora do franquismo.

• • • «Franco Grande é sobre todo poeta», afirma Henrique Monteagudo. Entre o si e o non, unha peza que abre camiño sen servidumes, unha busca esencial do ser, que prosegue en poemarios coa forza cósmica de Xoguetes do tempo (2015).