Xosé Luís Franco Grande: o señor das palabras amadas

A cultura galega perde a Xosé Luís Franco Grande, poeta, ensaísta e lúcido intelectual, autor dun dicionario no que varias xeracións aprenderon a usar e querer a lingua

Xosé Luís Franco Grande, nun acto na Real Academia Galega
Xosé Luís Franco Grande, nun acto na Real Academia Galega

Redacción / La Voz

«Digo maceira, rola, ponte ou fonte / e estas palabras van tecendo o mundo; / eu ben sei cando as digo / que o mundo xorde entón, nacido delas». Ninguén mellor que Xosé Luís Franco Grande, falecido aos 84 anos, para entender esa relación íntima coas palabras, o adobe co que modelamos a lingua e, por extensión, o mundo que habitamos. Sabíao en calidade de poeta, como testemuñan os citados versos de Logos —un canto á palabra amada, como certeiramente escribiu Xesús Alonso Montero—, e tamén como autor do referencial Dicionario galego-castelán e vocabulario castelán galego, no que varias xeracións aprenderon —e aínda aprenden— a coñecer o idioma e a querelo: unha obra de consulta, pero tamén, no seu contexto, unha ferramenta galeguizadora e, ao cabo, da propia estima. Como poeta entregou libros tan senlleiros como Entre o si e o non, ademais de títulos como Brétemas do vieiro e Xoguetes do tempo.

Igual que hai autores cuxos apelidos acabaron por se converter en adxectivos literarios, tamén Franco Grande accedeu a esa honra, xa que ese sintagma nominal é o xeito común e práctico para aludir ao seu dicionario. 40.000 palabras que fornecían a primeira edición de 1968, encargada e impulsada por Galaxia, ese proxecto de reconstrución cultural de Galicia na terra arrasada do franquismo ao que Franco Grande tanto contribuíu. Alguén que non se especializara nin en lingüística nin etimoloxía — a súa formación pertencía ao mundo do Dereito— pero que se puxo mans á obra porque era unha necesidade urxente e porque Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego vían no seu carácter disciplinado a persoa idónea para tal tarefa.

O compromiso galeguista de Franco Grande, que frecuentaba tamén a persoeiros como Ramón Lugrís, Sebastián Martínez Risco ou Xaime Isla, foi clave na elaboración da obra, pero cómpre non esquecer que o proxecto bebe no manancial que supuxo para Franco Grande a paisaxe, natural e humana, no seu Tomiño natal, onde naceu na parroquia de Tebra o 17 de xaneiro de 1936. Ese val foi, no sentido rilkeano, a súa auténtica patria -levaba con moito sentimento a honra de ser nomeado Fillo Predilecto de Tomiño-, os alicerces desde os que medrar para esculcar o mundo enteiro, mais sen esquecer ese lugar de orixe. Esa dualidade, que entroncaba co célebre aserto da Xeración Nós«Galicia, célula de universalidade»—, caracterizou a vida e a obra de Franco Grande, que vía no galeguismo o vieiro non só para a identidade cultural, senón para conducir o país á democracia, cun ollo posto no propio e o outro no europeísmo.

O seu dicionario viu a luz en 1968, un ano determinante para as arelas dunha rexeneración democrática que lle esixía compromiso e sacrificios a quen aspiraban a que fose unha realidade. Franco Grande participou dese espírito, non só cunha obra que seguía o ronsel de esperanzado aperturismo para o galego —falábase de que as linguas vernáculas por fin poderían ocupar un espazo no ensino regrado—, senón con achegas tan emblemáticas como a tradución ao galego da canción protesta de Joan Baez We Shall OvercomeVenceremos nós— en colaboración con Xosé Manuel Beiras: converteuse nun himno das mobilizacións estudantís. Un traballo a prol do galeguismo e a democracia que tamén desenvolveu dende as institucións, tanto como a posta ao día da Real Academia Galega -que vén de lamentar o seu pasamento-, como tamén no eido da política, coa súa participación no Partido Socialista Galego na clandestinidade. Todos eles, ámbitos nos que as palabras, o seu emprego, valor e coñecemento, forman os piares da sociedade e a civilización: eses eran os eidos de Franco Grande.

 A honradez e autenticidade dun poeta na procura da raíz espiritual

Ademais de ser coñecido especialmente polo dicionario que xa é sinónimo dos seus apelidos, Franco Grande cultivou a literatura en diversos xéneros, cunha atención especial polo ensaio e a poesía. Esta última, unha presenza constante dende os seus comezos ata os últimos anos: quen nace tocado polo amor das palabras xa non as abandona ata o final. Participou sendo estudante en Compostela nas Festas Minervais, onde acadou primeiros premios repetidas veces. Foi nesta época que o coñeceu Fernando Pérez-Barreiro Nolla, a quen unirían anos de amizade e de esperanzas democráticas, ademais da poesía. Dos versos do amigo, Pérez-Barreiro escribiría nas súas memorias Amada liberdade: «Gustábame o que escribía e atopaba nel unha honradez poética pouco frecuente. Autenticidade era o que eu sentía nel».

Da súa produción poética, destaca o auténtico clásico Entre o si e o non. Publicado en 1967, en tempos nos que a lírica estaba dominado polo realismo social e os seus códigos estéticos, o libro de Franco Grande ía na dirección contraria, como corresponde ao carácter inconformista e libre do seu autor. Son versos de fonda raíz existencial e espiritual, que procuran a depuración, sen artificio, para que as palabras mesmas —organizadas harmoniosamente con preferencia polos heptasílabos— nacidas de vivencias íntimas encarnasen conceptos universais. Como resumiu Salvador García-Bodaño, «o baleiro, a dúbida, a nada, a procura do eu, a esculca insondable do ser, a busca do senso da existencia, o esquezo, son aspectos fundamentais dos profundos logros líricos desta obra». Esa dimensión da «fondura» da súa poesía tamén a subliña Andrés Torres Queiruga, quen tamén lembra que esa faceta, esa «tenrura interior» era patente cando se trataba de preto a Franco Grande, fronte á impresión de «timidez e reserva» que transmitía na distancia.

Ensaios

No ámbito ensaístico Franco Grande achegou títulos senlleiros como Os anos escuros, un libro fundamental para entender a actividade do galeguismo durante o franquismo, así como Outra política para outros tempos, unha obra na que dalgún xeito quedaba patente a súa decepción coa política logo da ditadura, lonxe das arelas de rexeneración que abrigaran os que loitaran pola democracia. «Hai que cambiar de políticos se queremos cambiar o país», aínda explicaba nunha entrevista recente. O ano pasado tamén reeditara A ilusión da esperanza, no que escribía 49 retratos de persoeiros galegos, unha mirada que dalgún xeito tamén reflectía a súa propia. A súa ollada sobre a vida pública era común nas súas columnas semanais en La Voz, publicadas na sección Soleira: Franco Grande entendía o xornalismo tamén como unha vía para manter o contacto cos lectores «e que saiban que un segue vivo».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
39 votos

Xosé Luís Franco Grande: o señor das palabras amadas