«Ser pioneira en Galicia é inventar o camiño e ter que poñer o empedrado»

FUGAS

VÍTOR MEJUTO

A poeta Yolanda Castaño celebra o primeiro ano da Residencia 1863 e sinala o pulo e as eivas da nosa literatura. «A ollada de xénero leva 20 anos de adianto en Galicia», asegura

13 mar 2020 . Actualizado a las 09:27 h.

Hai 25 anos que se revelou con Elevar as pálpebras, que abriu cara ao público a súa vocación de buscarlle novos significados ás palabras. Poeta e motor cultural, Yolanda Castaño (Santiago, 1977) perseguiu durante anos o soño de crear unha residencia literaria en Galicia. Intentouno con diferentes Administracións e, finalmente, a idea cobrou corpo hai un ano coma unha iniciativa persoal na que investiu os aforros dunha vida. O soño mira á dársena, en pé nun inmoble da rúa Rego de Auga, da Coruña, que ocupou medio século Foto Artús. «Aínda veñen preguntar se facemos fotos», revela a escritora. A dous portais da residencia inaugurárase a Real Academia Galega, aquí estaba a Cova Céltica, moi preto naceu Emilia Pardo Bazán e na prolongación fixo a primeira exposición Picasso, subliña a creadora da pioneira Residencia 1863, aberta a autores e autoras de todo o mundo. Nos seus 25 anos de carreira, a autora de A segunda lingua viu mudar o conto. «Vivín cousas que serían hoxe impensables. Hai anos, por exemplo, non había unha soa entrevista que non incluíse unha pregunta sobre a miña imaxe. Teño hemeroteca», afirma quen examina o estado e os retos que afronta hoxe a literatura galega. Hoxe está en xira polo Reino Unido e advirte que na Universidade de Oxford se estuda literatura galega.

-Por que 1863? É aínda un segredo para moita xente esta residencia?

-Este é un edificio de 1863, o ano que se publicaron os Cantares de Rosalía e que se pode considerar o do Rexurdimento literario galego. Cando abrín a residencia, chegáronme a preguntar se era unha residencia de anciáns! Imos pouco a pouco pero xa temos lista de espera. A Residencia 1863 naceu da conciencia de que non existe un recoñecemento do que é a produción literaria. Nin sequera se manexa este concepto, o de «produción literaria». Existe a produción escénica, a produción musical, a artística, pero de onde sae un manuscrito? De onde sae un libro?

-Por que hai que facerse a pregunta?

-A literatura é un dos factores que máis fan pola construción da identidade dun pobo. Os nosos fillos estudan a literatura, pero, fíxate que paradoxo, a literatura fixérona uns señores e unhas señoras sen ter grandes apoios, pola súa conta. En cambio, os seus logros contribúen a un patrimonio colectivo valioso. A parte máis grande da axuda ao mundo do libro vai dirixida aos empresarios. Non hai axudas destinadas á verdadeira fonte da literatura: os escritores e as escritoras.