Yolanda Castaño abre unha residencia literaria «para o sosego e o estímulo da creación»

CULTURA

Yolanda Castaño, asomada ao balcón da residencia de escritores que pon en marcha na rúa coruñesa Rego de Auga
Yolanda Castaño, asomada ao balcón da residencia de escritores que pon en marcha na rúa coruñesa Rego de Auga MARCOS MÍGUEZ

A escritora quere aproveitar a súa experiencia como bolseira en distintos proxectos extranxeiros para impulsar unha iniciativa que poña a Galicia no mapa internacional

22 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

1863 é o ano de publicación de Cantares gallegos, de Rosalía, o ano do Rexurdimento, o de construción da casa do número 46 da rúa Rego de Auga, da Coruña, e tamén o nome que ten a nova residencia literaria impulsada pola poeta Yolanda Castaño e que ocupa o primeiro andar do edificio. «É unha residencia para escritores e escritoras que vai asociada a todo un programa de bolsas de creación en residencia no estranxeiro», explica mentres amosa unha vivenda que está preto de onde se fundaron a Real Academia Galega e as Irmandades da Fala, na mesma rúa na que naceu Emilia Pardo Bazán e a pouca distancia do sitio no que Picasso fixo a súa primeira exposición en 1895. Unha vivenda «nunha rúa cargada de cultura» e que ademais ten diante a biblioteca provincial.

O novo espazo, con paredes de pedra e vigas de castiñeiro, «está orientado á creación e busca o equilibrio entre o sosego e o estímulo da creación». A vivenda ?da rehabilitación ocupouse Ramón Fernández, do estudio Hábitat Social? será ocupada por cada autor durante un mes, xa a partir de marzo, no que virá «un dos mellores poetas vivos», do que non adianta o nome. «Debo ser a escritora galega que acumula máis experiencia de creación en residencia, xa que tiven catro bolsas en lugares como Beijing, Alemaña, Grecia ou Escocia, e a través de aí tomei a experiencia que hoxe desemboca nesta iniciativa», indica, para insistir en que leva 25 anos na escrita e esas bolsas, para ela, «foron un dos maiores impulsos á miña carreira».

Tamén confesa que durante anos intentou «implicar, ou seducir, a diferentes Administracións públicas neste proxecto, e finalmente decidín dar un paso adiante e crear eu mesma esta nova entidade, que é pioneira e non ten moito precedente». [En Galicia non hai unha gran tradición nesta modalidade, salvo o caso de Rianxo da editora Axóuxere].

Trátase, di Castaño, dun investimento persoal: «Arrisco o meu propio capital, que, sendo eu unha persoa que vive da poesía, pode un imaxinar esa formiguiña que vai xuntando os aforros de toda a vida e os pon, con toda ilusión, neste proxecto, que é o máis ambicioso dos que levo desenvolto».

A idea, prosegue a autora, compostelá de nacemento, é «traballar a través de convenios, colaboracións e acordos con entidades estranxeiras dedicadas á promoción das letras dos seus ámbitos de acción». Será con ministerios de cultura de distintos países ou fundacións literarias, pasando por institutos Cervantes, deputacións ou Administracións locais. As entidades estranxeiras farán convocatorias abertas, galardóns ou concursos públicos, e a persoa seleccionada poderá gozar desta bolsa de residencia na Coruña para o seu traballo de creación. Castaño falou das súas viaxes literarias a máis de 30 países, que lle permitiron «testar todas as eivas que seguen existindo historicamente en política cultural, en materia de externalización da nosa cultura e, nomeadamente, da literatura». Por iso tamén verá a posibilidade de que autores galegos poidan aproveitar, mediante intercambios, as estancias dos estranxeiros na flamante Residencia Literaria 1863.