«Con Brad Pitt comunicámonos por xestos, díxonos que moi ben!»

FUGAS

ALBERTO LÓPEZ

Amador Arias era un completo descoñecido ata que fixo arder as pantallas. Home «complexo», forma con Benedicta Sánchez unhas das parellas que xa é historia do cine galego e que opta ao Goya por O que Arde

23 dic 2019 . Actualizado a las 14:00 h.

Promete que vai sorprender nos Goya. Anda xa mirando que vestir para os premios. Amador Arias (A Fonsagrada, 1957) é con Benedicta Sánchez a cara de O que arde, a película de Oliver Laxe premiada en Cannes e rodada en galego que compite por catro premios da Academia de Cine, incluído o de mellor película. A diferenza da súa compañeira de reparto, non está nomeado a mellor actor revelación, pero o seu papel é tamén unha das sorpresas cinematográficas do ano. Recíbenos na súa casa da montaña con vistas aos Ancares.

 ­-Preparado para os Goya?

-Dubido que nos dean algo, unicamente a Oliver ou a Mauro Herce, pola fotografía. Estar aí é moito xa. É unha película pequena, en versión orixinal. Ademais, co sistema que hai neste país de dar premios, sempre van aos mesmos.

-Cal cre que é a favorita?

-Non hai unha peli que mereza os Goya. O que arde é diferente. As películas teñen que aportar algo novo. Gústame que me fagan pensar, dubidar de min mesmo. Abúrreme o cine que me dá todo feito, o bo, o malo, o castigo, e aos dez minutos xa sei como vai acabar.

-Unha peli que lle gustase deste ano?

-O Joker (Todd Phillips).

­-Como se ve na pantalla?

-Tras tanto ensaio (Oliver fílmaos), cando chegou ao cine estaba moi cheo de verme!

­-Foi dura a rodaxe?

-Foron case catro meses, pero non seguidos. Dependiamos do tempo. Oliver ten moita paciencia, transmite ben. Non lle molesta repetir os ensaios nin as tomas, pero, iso si, non quere sorpresas.

-A súa curmá, Carmela Silva (a política e presidenta da Deputación de Pontevedra) felicitouno por Twitter. Cal foi o eloxio que máis lle emocionou?

-Si, somos curmáns pola miña muller. Pois o do irmán de Oliver, Felipe. Dixo que estaba orgulloso. Tamén me quedo cos parabéns do xurado do festival de China, no que estivemos hai uns días.

-Que tal polos festivais?

-Gustoume China e o de Mar de Plata. En Cannes era todo moi medido. Estivemos a uns centímetros de Tarantino na alfombra vermella. Con Brad Pitt comunicámonos por xestos. Díxonos que moi ben, que lle gustaba a peli.

Amador Arias, protagonista de «O que arde», reside en A Fonsagrada, vila na que naceu e á que regresou hai 30 anos logo de traballar en varias cidades españolas. Visita Lugo con frecuencia por dúas das súas paixóns: o cine e o teatro
Amador Arias, protagonista de «O que arde», reside en A Fonsagrada, vila na que naceu e á que regresou hai 30 anos logo de traballar en varias cidades españolas. Visita Lugo con frecuencia por dúas das súas paixóns: o cine e o teatro ALBERTO LÓPEZ

­-Vostede tiña algunha experiencia, pero no teatro, sobre todo.

-Fixen cousas de teatro, pero non de actor. Facía os escenarios, axudaba a dirixir... Estaba na outra parte, non na da actuación. De aí o meu espírito crítico, de mirar todo. Pero o cine é moi distinto. É moi estático. Cada dez centímetros que te moves son dous metros na pantalla. Ademais, non puiden sorrir en toda a película.

­-Esixencias do guión, claro.

-Tiña que ir poñendo mellor cara co paso do tempo, pero os planos do comezo fixémolos a metade da gravación.

­-Vive do espectáculo?

-Dinlle a moitas cousas. Vivín en Madrid, Barcelona, Zaragoza, en Andalucía. Peguei pedra, fixen armarios, tallei madeira, son oficial de montaxe de chapa e tamén me fixen ferreiro. Podo facer un coitelo ou a espada de samurai. Gústame saber como se fan as cousas. Son complexo.

-Complexo e completo.

-Non, non, oxalá fose completo [ri].

-Como chegou a «O que arde».

-O do casting foi unha casualidade. Estaba só ese día, facía bo e era aí ao lado, en Lugo. Decidín apuntarme para coñecer a Oliver. Escoitara faltar del e vira Mimosas. Así foi.

-Houbo frechazo.

-De alí a uns días mandoume un guión e citoume en Lugo. Cando me dixo que quería contar comigo, díxenlle que tiña que pensalo. «Como que tiña que pensalo!?», respondeume. Eu insistinlle en que tiña que falalo coa familia, comigo mesmo, e «nun mes contéstoche». Eu andaba moi a gusto por aí, ninguén me coñecía. E, se te pos a unha cousa, gústame facelo o mellor posible.

-Deulle un bo susto.

-A mai de Oliver díxome que aquel día, cando volveu á casa, « non mo mataches de milagre!». Chegara preocupado: «Ten que pensalo, mamá!».

-Non se arrepinte?

-En Galicia a película está andando moito, estana levando aos concellos.

Mentres que a súa compañeira de reparto, Benedicta Sánchez, está nominada na categoría de actriz revelación nos Goya, o lucense non compite polo cabezón. A súa interpretación foi eloxiada en Cannes e en festivais de cine máis recentes, coma un na China
Mentres que a súa compañeira de reparto, Benedicta Sánchez, está nominada na categoría de actriz revelación nos Goya, o lucense non compite polo cabezón. A súa interpretación foi eloxiada en Cannes e en festivais de cine máis recentes, coma un na China ALBERTO LÓPEZ

-Gustou na Fonsagrada?

-Temos a sorte de ter unha sala e fixemos varias pases. Aquí os veciños vena ben, con outros ollos. Os mozos teñen que vela varias veces. Os galegos, en xeral, ata a terceira vez non comezamos a vela. A decatarnos do poema que hai detrás. Do berro, da denuncia que é a película.

-Por que?

-Case todos temos raíces no campo, escoitamos falar do lume, do despoboamento. Imos cuns conceptos preconcibidos.

-Tocoulle un papel difícil, o pirómano.

-Si, Amador [o personaxe ten o seu mesmo nome] é un marcado. Pero teño que dicir que ese termo non está ben empregado. Un pirómano é un enfermo mental, un adorador do lume, pero é moi raro que o plante. O meu pai era garda forestal, é un debate que tivemos na casa moitísimos anos. Galicia empezou a arder sistematicamente nos 80. Moitos viñan de fóra, os que provocaban os lumes. Antes, na Galicia rural, como en Asturias, o lume era unha ferramenta de desbroce. Era raro que houbese un incendio, as superficies estaban máis limpas, había menos leña, agora todo é selva. Son un acto terrorista, levan todo por diante. Hai menos xente e os incendios son máis grandes. Cada lume ten unha historia detrás.

-Hai eucaliptos diante da súa casa?

-Si, algún hai, tamén chegan á montaña. Cun eucalipto en dez anos tes corta, cun pino, en 30, e cun carballo en 100 ou 120. A xente quere o curto prazo, rapidez. Logo quéixase de que chove, pero é que ten que chover moito máis. Coa neve espántase pragas, como a velutina.

-Dóelle o despoboamento?

-É un desgarro para Galicia.

-Desde cando vive na Fonsagrada?

-Volvín hai 30 anos. Ao comprar algo é como plantar unha árbore, amárraste á terra, tes raíces. En Barcelona vía o mar e levábame unha hora ir a el. Desde aquí, non o vexo, pero collo o coche e en 40 minutos chego a calquera praia da Mariña. Boto de menos unha sala de cine, un teatro, pero nunha hora póñome en Lugo. Teño unha ventá que dá aos Ancares. Unha ventá grande, de tres metros. Agora estou vendo como comeza a poallar. Cando neva... os Ancares con neve son preciosos. Por estrada tardo dúas horas en chegar a eles, por pistas de terra, menos de tres cuartos de hora. Isto é difícil de cambiar, a tranquilidade de estar aquí, ler, debuxar. É moi complexa a terra, leva tempo coñecer a terra na que vas vivir.