O cómic poético de Yolanda Castaño

Ramón Nicolás

FUGAS

CEDIDA

Unha orixinal proposta desta autora que, sen deixar de transitar pola súa estética clásica, fai interactuar a poesía co cómic, do mesmo xeito que noutras ocasións se achegara á música, á plástica ou ao audiovisual

02 nov 2018 . Actualizado a las 05:10 h.

Á marxe de que á hibridación entre dous códigos como son a poesía e a banda deseñada se lle poden procurar antecedentes en manuscritos iluminados, por poñer un exemplo, o certo é que o denominado Comic Poetry, ou cómic poético, que goza de certa atención fundamentalmente no ámbito anglosaxón, chega agora a nós grazas a Yolanda Castaño, poeta de extenso e recoñecido currículo, sempre á caza das posibilidades que pode encerrar a difusión do feito poético, como testemuña o activismo nesta causa reflectido nas loables iniciativas en que desempeña un papel fundamental, como son a organización e coordinación tanto de Poetas Di(n)versos, na cidade da Coruña, como o seu papel no Obradoiro Internacional de Tradución Poética, que se celebra na illa de San Simón.

A autora de A segunda lingua, seguindo o ronsel de procurar eses elementos de confluencia entre poesía e outras artes, como xa fixo no seu día coa música, a plástica ou o audiovisual, decide antologar vinte e cinco anos de traballo continuado e concentralos en corenta composicións que, cos ollos postos na inauguración deste xénero do cómic poético, distribúe entre artistas de banda deseñada para que interpreten, sen imposicións de ningún tipo, á súa maneira e co seu propio estilo, o poema asignado nunha soa páxina. O resultado desta orixinal iniciativa é, a todas luces, espléndido, ao que axuda non pouco o acaído tratamento estético que se lle outorgou ao libro e que posibilita, por unha banda, asistir e gorentar a algunhas das claves da estética pola que Castaño vén transitando desde o seu primeiro libro ata hoxe -velaí o erotismo, a visión do corpo e a imaxe, a querenza polo visionario e o onírico ou a alteridade, entre outras- e, ao tempo, reparar nas talentosas interpretacións que esas corenta relevantes sinaturas da banda deseñada realizan das composicións da autora coruñesa, sempre sorprendentes e heteroxéneas. O exercicio desta interacción entre poesía e banda deseñada inaugura un camiño suxestivo e sedutor que leva aparelladas canda si múltiples posibilidades de todo tipo. Sexa benvida esta proposta.