Alén da figura real e do mito de Foucellas, Talía teatro propón unha peza en torno á xestión da esperanza e da ineludible derrota
13 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Ten o cartel certo aire de western e pode que tamén haxa algo diso na peza. A fin de contas Foucellas non deixa de ser, se cadra, o noso máis senlleiro foraxido. Un solitario guerrilleiro de utópica lealdade, causas nobres e férrea vontade ao que un destino que só el entendeu e asumiu levou primeiro ao monte e, máis tarde, ao garrote vil.
E precisamente esa obsesión por fuxir cara a adiante sabendo que por diante só hai abismo foi o que máis lle interesou a Cándido Pazó para afrontar a escrita do texto. Porque Foucellas, a obra, «non é un biopic», advirte. Aínda que si toma prestados episodios reais da vida de Benigno Andrade, aquel astuto maquis que durante 16 anos burlou a persecución franquista posterior á Guerra Civil.
Quince anos levaba Foucellas no caixón dos proxectos da compañía Talía Teatro. «Non quixemos facelo naquel momento máis fervente da memoria histórica para que o espectáculo non se contaminase con aquela outra dimensión, que é moi importante pero non a que nós perseguiamos», explica Pazó, quen tamén asumiu a dirección da montaxe. «Gústame facelo así, porque eu dirixo cando escribo e escribo cando dirixo».
Ficción, mito e realidade combínanse nunha proposta que máis alá do momento histórico no que discorre presenta un pulso metafórico sobre un trance co que, privada ou colectivamente, todos enfrontamos. «O que me interesaba era reflexionar sobre a xestión da esperanza e a administración da derrota, aínda cando un sabe que a súa causa está esgotada», explica o autor.
Á harmónica sonoridade do alcume Foucellas atribúe Cándido Pazó, ademais de outras razóns políticas e de estratexia guerrilleira, a relevancia deste maquis que non só acadou a categoría de lenda senón que chegou a converterse nunha sorte de rango xenérico. Todos os que andaban agachados polo monte eran uns foucellas. E con esa ambigüidade xoga o texto. «Non queda claro se o protagonista é o Foucellas ou un Foucellas».
Sexa un ou sexan outros, de darlle vida no escenario encárgase Toño Casais, xunto a Dani Trillo, María Ordóñez e Artur Trillo.
SANTIAGO. Salón Teatro. Venres 13 e sábado 14 (20.30 horas, 10 euros). Domingo 15 (18 horas, 5 euros)