Estes días recibín unha admonición que me deixou impresionado. Afirmaba un interlocutor, rotundamente, que preciso unha certa dose de maldade e, incluso, obscenidade nestas columnas do Club Dandi. Imaxino que se refería á definición literal da palabra obsceno: estar fóra da escena. Outra acepción paréceme inverosímil. ¿Eu preciso contrariar o pudor e a decencia nas breves reseñas que presento? ¿Precisa a literatura galega realmente unha navalla que lle faga máis cicatrices das que xa ten? ¿Necesito converterme nun obsceno para criticar con acritude? Sigo emocionándome con novelas que son capaces de cantar á tristeza. Novelas diferentes, distintas, escritas con ortografía de corazón. Leo Interferencias de Manuel Seixas e só quero enviar abrazos ao autor. Novela de desesperanzas, polo tanto novela esperanzada. De camiños cruzados e de brancura que se volve escuridade, luz en brétema. Novela que podes ler dun tirón ou gozar dela en pequenos bocados. Fragmentada e fragmentaria, pero unida por un fío de melancolía que rara vez temos lido na nosa literatura. Agradezo a volta de Seixas e estas interferencias que son, para min tamén, consolo. E outra novela para esta quincena: é o amor quen move a terra. Dicíao Dante na súa Comedia. E Nietzsche, que era fino, atreveuse a escribir: «Amor e literatura. Os poetas saben o que axuda unha paixón habilmente divulgada na venda dos libros. Hoxe, dun corazón ferido, tíranse diversas edicións».
Non é o caso de Como unha áncora de Iria Collazo López (ou si, oxalá venda miles de exemplares). Novela que parte dun naufraxio pero que en realidade narra sentimentos e emocións que transcenden o presente, as actualidades ou modas. É preciso explorar as arterias sentimentais de Nós. Recomendo esta lectura con vehemencia e vexo na autora unha voz nova intensa e excelsa, cunha prosa que denota múltiples lecturas e talento, traballada, propia e intransferible, magnífica. O marcapasos do planeta é sempre unha emoción: o verdadeiro amor, tan contrario ao pudor e á decencia. Obsceno. A obscenidade, quizá teña razón o interlocutor que referín ao comezo, é quen escribe a historia do universo. Incluso é quen escribe columnas como esta. Propia das necesidades dun lector que procura cada vez máis profundidades, non superficies. A literatura galega debe saír da escea do común e repetido. As novelas de Seixas e Collazo así o confirman.