Hai un modo estraño de vivir a música neste país. Houbo complexos estudos sobre os instrumentos do Pórtico da Gloria, houbo mesmo exposicións sobre as súas reproducións e todo un material didáctico que ademais de cultura levou aparellado un compoñente musical básico, mais en Santiago, nesa cidade onde ata se veneran os instrumentos de pedra, restrínxese a música ao vivo. Debe de ser porque é máis sonora. En marzo creouse alí a plataforma Compostela, Territorio Musical, para defender un xeito de vida arraigado e para conquerir que os verdadeiros protagonistas das actividades e os que as acollen sexan escoitados. A iniciativa pretende que non se bote a perder un bo caldo de cultivo de novos artistas, de espazos para a creatividade e tamén para as necesarias relacións sociais. Artistas, músicos e veciños lanzaron un manifesto no que expresan a necesidade de ter garantías para manter as actuacións nos locais e mesmo montouse a campaña viral #eudivírtomesenmolestar para que non haxa dúbidas das intencións. Non é o primeiro golpe que sofren, xa regularan a música nas rúas e impúxose a selección administrativa dos que podían amosar a súa arte. Agora iso lévase tamén aos interiores. A este paso o único que vai quedar é o son da Berenguela.