O Bloque elixe a unha socióloga de 27 anos independente para as municipais
16 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.A asemblea aberta celebrada esta semana polo BNG de Sada elixiu por unanimidade a unha moza de 27 anos, independente e moi vinculada á vida da vila como número dous da súa lista para as municipais, que encabezará por primeira vez Xosé Lois Suárez Becerra e da que podería seguir formando parte o exalcalde Abel López Soto. Isabel Reimúndez, que agora traballa nunha tenda de Inditex, cre que a súa formación como socióloga pode aportar moito.
-¿Como se embarcou nisto?
-Non son militante, pero o cabeza de lista, Liss Becerra, é moi achegado á miña familia e Lito (Manuel Pérez Lorenzo) tamén. Cando viñeron falar comigo vinos con tanta ilusión e tanta gana de cambio que creo que é un bo momento para involucrarme.
-O seu pai, Atanasio, é un histórico nas Mariñas...
-Non moito no político, pero ten moito carisma no pobo.
-¿Que pode aportar vostede?
-Son unha persoa moi dinámica e con moitas inquedanzas. Non teño traxectoria política, pero no ámbito local creo que é máis importante a proximidade á xente. Eu vivo no centro do pobo, fago a compra no pobo, utilizo as instalacións deportivas municipais, levo aos meus curmáns aos parques... e sei as inquedanzas da miña xeración. Ademais dende cativa estiven moi vinculada ao deporte. E coñezo os problemas dos clubs deportivos.
-¿Por onde deberían empezar?
-O importante é a xente e en servizos sociais poderíase facer máis. Temos o centro de día de Mondego que non se está explotando nada. Cando a xente teña ese benestar xa se poden facer outras cousas...
-¿Facía falta relevo xeracional?
-Máis que facer falta, é un bo momento para deixar de vincular a política ás persoas maiores e que se nos deixe entrar á xente nova, porque aínda temos ilusión e non perdemos a motivación por facer ben as cousas. Pero non é un cambio completo, porque a Abel o temos aquí e nos está axudando moitísimo. É un pouco como o pai de todos. Deuse conta de que había que abrirlle a porta a xente nova e nos da os seus consellos.