As voces de medio cento de poetas resoaron en Noia

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

MARCOS CREO

Na súa segunda edición, o encontro promovido pola Lanzadeira de Alcor deu mostras de estar consolidado

01 dic 2014 . Actualizado a las 09:25 h.

Non é habitual ver xuntos a medio cento de poetas galegos e, moito menos, ter o pracer de escoitar os seus versos. Onte ocorreu en Noia, nun escenario de excepción, a igrexa de Santa María A Nova. Convocados por Manuel L. Rodríguez, o responsable de A Lanzadeira de Alcor, uns cincuenta oradores chegados de diferentes puntos de Galicia fixeron resoar as súas verbas entre as pétreas paredes do museo noiés.

Había no templo unha importante representación do eido literario de Barbanza. Estaban, entre outros, Antón Riveiro Coello, Ismael Ramos, Manuel Teira, Esther Carrodeguas, quen tamén deleitou ao público cunha escena teatral; e Marta Pedrosa, que realizou unha performance. Pero ata Noia tamén se desprazaron escritores de distintos puntos de Galicia como Marta Dacosta, María do Cebreiro, Rosa Enríquez, Lucía Novas, Paco Souto, Rochi Novoa ou Iolanda Aldrei.

Aínda que as verbas foron as grandes protagonistas, a música tamén estivo presente no segundo Encontro de Poetas en Lingua Galega de Noia. O gaiteiro Carlos da Aira abriu a xuntanza interpretando o Himno galego, para darlle paso despois a Manuel Mariño, Guilherme e Bastardo, e Antonio Iglesias.

Nesta ocasión, o poeta noiés Manuel L. Rodríguez non recitou. Limitouse a introducir aos participantes, facendo unha pequena reseña da traxectoria de cada un deles. Tamén explicou os motivos que, hai un ano, o levaron a poñer en marcha esta iniciativa: «Quería darlle visibilidade á poesía feita en galego e buscar puntos de encontros entre os poetas da terra».

Cita anual

Aínda que o encontro de poetas ten unha curta traxectoria, tal e como se puido comprobar onte na igrexa de Santa María a Nova, trátase dunha cita consolidada. Ademais dos cincuenta escritores que tomaron a palabra, había máis dun cento de espectadores, entre os que se encontraban un bo número de referentes do eido cultura, tanto de Barbanza como de zona próximas. Diante deste éxito, Rodríguez non dubidou en avanzar que a iniciativa está «asentada» e que a idea é que teña continuidade cada ano.

Ademais de para facerse unha clara idea do que é o panorama poético de Galicia na actualidade, o recital que onte se celebrou en Noia serviu tamén para botar a vista cara o pasado. No interior da igrexa reencontráronse boa parte dos integrantes de Sacou, un colectivo que hai unha década foi referente barbancés en materia de cultura. O propio Manuel L. Rodríguez agradecíalle a aquela asociación, da que foi impulsor e máximo responsable, a experiencia adquirida para a organización de actos históricos coma o que onte tiña lugar en Santa María A Nova.