¿E se Joyce escribise en galego?

O catro tradutores do Ulises desvelan as claves do seu traballo, Premio Nacional de Traducción


Redacción / La Voz

¿E se Joyce escribise en galego?, ¿como sería o Ulises? Tales preguntas rondaron a Xavier Queipo, escritor, biólogo e técnico da Dirección Xeral de Pesca da Comisión Europea; Antón Vialle, intérprete na Comisión Europea; Eva Almazán, tradutora literaria; e María Alonso Seisdedos, especializada en traer ao galego películas para TVG. Catro sensibilidades distintas e un só obxectivo: dar resposta á iniciativa que Víctor Freixanes propuxo no 2003 aos dous primeiros en Bruxelas, e de paso (que non menos importante) rematar o traballo iniciado nos anos 20 por Otero Pedrayo e Risco. Pasados once anos daquela cea belga o libro chegou á rúa, e case un ano despois -hai só uns días- recibiu o Premio Nacional de Traducción do Ministerio de Cultura.

As dúas preguntas son indiciarias da filosofía que alentou a tarefa. Había que galeguizar a Joyce, mais aló de traducilo. «É unha interpretación dunha novela. Había que facer unha escolla e desbotar outras que se cadra están no orixinal. Gustaríame -di Vialle- que a nosa versión fose a que tería escrito Joyce hoxe se no canto de ser irlandés fose galego. Pero dicir que chegue a ser iso sería presuntuoso». E apunta que non podía aceptar trasladar unha mensaxe que non se entendese: «Ao mellor unha cousa que en inglés ten sentido, en galego non pode ser. Se quere dicir isto, pois dicimos isto, que é o que quere dicir».

Hai algunha versión en portugués -anota- onde nos xogos de palabras «se traduciron as palabras do inglés, pero ese xogo de palabras non existe en portugués; entón aquilo pérdese. Nós non queriamos iso, o que queriamos era que houbese un xogo de palabras en galego cun contido o máis semellante posible ao do inglés». Está convencido de que a súa versión «é moito mais dixerible que a orixinal, aínda que para os tradutores ás veces isto é un pecado mortal». Vialle recoñece que aí houbo algunha pequena discusión no equipo, pero na profesión de intérprete, di, «non podes dicir nada que non teña sentido, mentres que un tradutor ten que cinguirse mais ás palabras. Para min o importante é que sexa unha mensaxe clara, completa».

Concorda nisto Alonso, que asegura que de non facelo así o Ulises sería «un libro infumable de ler». Ela está habituada a traducir así as películas, onde ton e imaxe a condicionan. «A literatura hai que traducila así, porque se non no hai quen a lea. Se vas ao literal non se entende nada. Traducir o Ulises é como traducir un poema, ás veces tes que escoller entre priorizar forma ou contido. Tentas conxugalas dúas cousas, pero se te enfrontas a un xogo de palabras xa non podes dicir o que di el. Se non usas un refrán ou unha expresión galegos pérdese o sentido. O literal esta moi ben para os libros científicos, pero en literatura non pode ser». E logo está, engade, a musicalidade do poema, a importancia do ritmo, das aliteracións, das repeticións. «Nunha novela normal a aliteración é horrorosa. Aquí non, moitas veces a forma está por riba do contido. Hai dentro tantos estilos...».

Afirma Alonso que o texto final «saíu decentemente», pero recoñece que non o volveu ler -«nin penso»-. Volvería topar cousas que cambiaría. A tarefa foi ardua, «case para acabar de psiquiatra». Acordaba de noite, espertaba con outra solución, «todas as noites, bum-bum», unha idea, outra, «saía a pasear, e a máquina que non para, moendo».

Trátase de poñer palabras que se entendan, terza Queipo, non de modernizar. «Unha tradución literal dun texto de principios do século XX dunha rexión específica dunha lingua estranxeira sería un erro monumental. Caeríaseche o libro das mans antes da páxina 30. Hai que ir a unha interpretación dun texto narrativo, unha tradución que interpreta ademais outras claves sintácticas».

Entre as versións que coñece e estudou durante o traballo, a Almazán a que máis lle enche o ollo é a francesa de Gallimard, «porque se parece á nosa, ou a nosa á deles», porque coincide co que Galaxia perseguiu: «Facer unha tradución para ler». Xa se sabe que o Ulises pode levar un aparato de notas mais longo que o propio texto, recorda, pero o que se buscou foi que «se colla e se lea», para o demais pódese recorrer a monografías, artigos, estudos... Ademais, advirte: «Non é unha edición crítica nin académica, e un corpo de notas tampouco resolvería todos os problemas». A edición galega non ten notas; foi unha decisión difícil, pero como ocorreu ca tradución o que se quería é que o lector galego atopase as mesmas dificultades que ten o da versión orixinal.

Queipo di que o traballo en grupo foi moi enriquecedor, aspecto que todos corroboran. El ten moi boas ideas, matiza, pero precisa «axuda para levalas á práctica porque sufre de falta de profundidade filolóxica» e non é moi perfeccionista. Alonso e Almazán coinciden ao afirmar que o escritor compostelán foi decisivo no aspecto literario, para o que está moi dotado, mentres Vialle foi o campión da precisión, ademais de achegar un coñecemento exhaustivo da novela. A el non lle fuxía nada», recorda Alonso. «Na cuestión da gramática comparada María e eu estamos mais postas», confirma Almazán. Cada un, dalgunha maneira, tiña un rol definido, con puntos fortes e outros nos que ten competencia pero cede porque outros ofrecen mais. «Se pensas que o texto orixinal é absolutamente polifónico cadra perfectamente con ter un equipo integrado por varios puntos de vista diversos. Para interpretalo e para reproducilo, que aínda é máis difícil. O Ulises é un universo moi complexo; de feito, séguense a facer libros e escribir teses, e congresos anuais. E non van acabar nunca, como era a aspiración do propio Joyce», ri Almazán.

Todos leron todo e traduciron todo, «e poñiamolo en común secuencialmente, fragmento a fragmento, corrixindo», explica Queipo. «Foi un traballo moi circular», incide Almazán, todos xuntos tirando para adiante, «facendo un fondo común, un pool, que din os ingleses, e, aínda que é imposible estar sempre de acordo, non houbo grandes discrepancias».

Queipo está orgulloso do traballo feito que, di, pecha unha ferida aberta dende os tempos da Xeración Nós. «A literatura galega estaba sufrindo, non dun xeito consciente; e iso terminou». Por iso xulga tan importante o Premio Nacional de Tradución, aínda que sabe que «sairán os puristas a dar leccións de ética». Recorda que el traballa desde hai 25 anos para a Comisión Europea e non renuncia ao soldo pese a non compartir moitas das súas políticas. «Como fixeron, por certo -razoa-, tódolos profesores durante o franquismo, Ferrín entre eles; e recibían o seu salario perfectamente, trienios incluídos».

Conquistado Joyce, este 8000 do canon, admite que lle gustaría que se traducise A viaxe do Beagle de Darwin pola súa relevancia científica e como novela de aventuras. Alonso aposta por Proust, Vialle por A montaña máxica de Thomas Mann e Almazán por Goethe.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

¿E se Joyce escribise en galego?