A base barro, especialmente abondosa nos concellos de Muros (57 topónimos), Porto do Son (45) e Ribeira (17), ten unha posíbel filiación prerromana, se ben algúns autores vacilan á hora de asignalo a un estrato lingüístico concreto. O subst. barreiro e derivados, con adición do sufixo -eiro (< lat. -ARIU), é o máis amplamente representado na área (58) á par da forma feminina barreira e derivados (32), que nomean un «lugar de onde se extrae barro ou arxila». A única forma toponímica que se afasta desa pauta na zona é o caso do Barral (Rianxo), derivado co sufixo abundancial -al, para referir lugares onde, por mor da grande humidade, o terreo semella unha especie de lameiro. Esta forma barral presenta especial rendemento nas provincias da Coruña e Lugo, mais como vemos na zona estudada ten unha presenza case anecdótica. Isto tamén acontece con outros derivados do subst. barro como barredo, cuxo uso se reduce case exclusivamente á área sarriana, ao leste da luguesa e á Mariña oriental; ou a forma barredal só rexistrada nos concellos de Ribadeo e A Pontenova.