O colectivo lanza unha campaña de impulso á afiliación para acadar máis forza e lograr novos obxectivos
17 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.O autoemprego vén de ser unha das alternativas de saída para moitos nun contexto de crise no que as empresas non contratan novos traballadores. Lisardo Domínguez, secretario xeral de Autónomos de Galicia (Auga), cre que se ten avanzado moito, pero queda camiño por percorrer.
-¿Por que esta estratexia neste momento?
-Cantos máis sexamos máis fortes seremos para representar os intereses e defender os dereitos dun colectivo que representa ao 25 % da poboación activa. Nos diriximos moi especialmente aos 164.000 autónomos que non teñen empregados e que representan o 75 % do total. Eu chámolles os autónomos de a pé.
-¿Por que a eles?
-Moi sinxelo. Ou te organizas ou morres. Hai que aproveitar sinerxias. A mensaxe é que se un autónomo está en Auga vai poder adicarse ao seu traballo. E nós imos ocuparnos de darlle a mellor financiación e aforro de custes, da cobertura sanitaria con descontos e da xestión de trámites e de papeleos que afectan a cuestións de riscos laborais ou tributarias, entre outras.
-¿En que se ten avanzado?
-As asociación de autónomos temos conseguido logros moi importantes ao longo dos últimos anos. A exención do pago do imposto de actividades económicas, o chamado IAE, ou a cobertura da incapacidade temporal dende o cuarto día de baixa en lugar do décimoquinto, son algunhos dos máis relevantes. Tamén está o Estatuto do Traballo autónomo que, por primeira vez, entre outros, recoñece o dereito ó paro dos autónomos, a contratación de familiares directos e que regula os chamados traballadores autónomos economicamente dependentes, é decir, aqueles que facturan a meirande parte da súa actividade a unha única empresa. Por último, destacaría tamén a eliminación da obrigatoriedade de pagar a cuota cameral.
-¿Cales son as principais demandas pendentes?
-Desenvolver o propio Estatuto e sobre todo melloralo acceso ao crédito: ten que abrirse moitísimo máis. Ese segue a ser o gran cabalo de batalla. Digan o que digan a financiación para algúns proxectos segue pechada. Teñen que existir outras liñas de axuda e non se pode competir con Europa con esta desigualdade de condicións. O crédito non pode estar aquí catro veces máis caro que para un emprendedor holandés ou alemán, por citar algúns países. Na morosidade algunha mellora se nota a nivel de certas administracións, pero segue habendo moitos retrasos que afogan a liquidez dos autónomos.