Aventuras de verán


Estou en Facebook coma calquera fillo, neto ou bisneto de veciño, porque de cando en vez gústame ver de que se murmura polo rueiro, o problema é que prefiro os contos de taberna, as filosofías do meu barbeiro e as maledicencias da prensa para estar ó día e esbardallar do que sexa, e daquela poucas veces ó cabo da semana entro nos ruxerruxes informáticos e vivo algo illado da veciñanza. Non vou dicir que me aburre estar vendo as fotos do último verán na praia de Manolita e Jonathan, os pratos de marisco que comeron en Casa Ambrosia o Pisco e familia ou como dá os primeiros pasos o fillo máis novo do neto dun amigo do familiar dun coñecido a quen aceptei como amigo, e por iso, precisamente, porque as miñas entradas en Facebook son algo esporádico, este pasado verán entereime tarde de que o amigo Núñez me tiña nomeado para algo que se chama a tribo do Bidu, consistente en darte un baño en auga fría e colgar a foto ou vídeo de tal evento en Facebook, e de non facelo pagar unha mariscada. E eu non fixen nin unha cousa nin outra.

Máis direi no meu descargo, que antes do solsticio pasei unha semana compartindo con Segade, o meu amigo de infancia, unha estreita tenda de campaña, dándonos un baño diario nas frías augas da costa de Bergantiños, Muxía e Fisterra, así como nos ríos e regatos que neses mares desembocan, mentres facíamos unha rota pola agreste beiramar, pero non se me ocorreu publicalo en ningures, como tampouco dar coñecemento público de como durante esa semana durmimos ó raso coas lebres, no medio de piñeirais, entre toxos e ata a carón dun cemiterio do que saía un regato de cheirentas augas; sen citar a cicatriz que me quedou no brazo tras ser atacado por un cabalo salvaxe, ou que houbo días nos que houbemos de provernos de comida entra as pedras e nos tobos. A ver que «bidueiro» fixo algo parecido sen saír de Galicia para, finalmente, ver e comprobar como baila o sol no solsticio e que a cousa non é ningunha lenda inventada polos castrexos para enganar ás lexións romanas cando pensaban chegar, ver e vencer como turistas americanos con chocolatinas. Mais a pesar da estreita camaradería de toda a viaxe, desde que voltamos, Segade e eu aínda non nos chamamos nin para tomar un café.

Pero en fin, volvendo ó Bidu e a que as débedas hai que pagalas, cando o amigo Núñez mo lembrou fronte a unhas cervexas na de Sieira, comprometinme a agasallalo coa correspondente mariscada, e nunca tal fixera.

O dereito dun veciño da beiramar a coller un prato de ameixas ou uns poucos mexillóns é algo que sempre defendín e defendo, como condeno que se collan para vender clandestinamente ou que se esquilme para agasallar a tirios e troianos con ameixas, arolas ou berberechos. E subía coa miña bolsiña de mexillóns das pedras, aproveitando unha desas mareas lunáticas que nos sorprendeu este verán, cando fun interceptado polo vixiante da confraría: «¿Que leva vostede nesa bolsa?».

Non acabei denunciado nin multado por compaixón, pero avergoñoume tanto o rapapolvos público que levei no transitado camiño da praia e a pleno sol, que desde ese intre decidín prescindir da licencia de pesca deportiva de por vida. Impúxome tal sentimento de culpa e depravada depredación, que ata quixen volver á praia para liberar ós cativos mexillóns, aínda que xa non era necesario, segundo me explicou o vixiante, porque aqueles pobres estaban condenados ó suplicio desde o intre en que os arrinquei da pedra nai.

Así que, ó final tampouco fixen a mexilloada, e ó cabo, neste verán, por haches ou por bes perdín a dous amigos, a Núñez e a Segade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos

Aventuras de verán