Cidade de pedra

La Voz

FIRMAS

10 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Namorarse é un luxo, unha pequena loucura disfrazada de fragrancia. É a paixón de camiñar, crecer, e nunca rematar. Ben é certo, que ás veces o amor máncanos, fírenos ate tal punto que deixamos de ser quen somos, mais non temos que ser covardes, debemos arriscar para, así, poder gañar. Namorarse é un pracer. Un luxo, unha querida casualidade.

Dende tempos inmemoriais ouvín falar dela. Dos seus costumes, manías, olladas e ate da súa beleza. Ouvín nomeala na Coruña, en Madrid, en Barcelona, e ate nos meus soños. Pureza é a historia dunha pequena aloucada de nome longo, cuxa historia está escrita en verdadeiras obras de arte.

Mística cor dun recordo da infancia, ela, cos seus sorrisos que saben a nostalxia. O seu nome creou controversia na vida de grandes personaxes, importantes para a miña vivencia. Ela foi o núcleo da sabedoría, no cal día a día se forman miles de pequenos artistas, científicos, filólogos e, como non, xornalistas.

O seu recender é a frescura da cultura dos meus ollos, camiñamos eu e ela entre Rosalía de Castro, Curros, París e Londres, diversidade dun crecer entre libros que agora saben a tempo. Bendita sexas Rosalía, ti que viviches cerca dela, e que agora habitas tan dentro dos nosos corazóns. Quen souber a cantos namorados pariu, cantos reencontros e vivencias que quedaron na memoria indestrutíbel dos recentemente chegados. Ela sempre foi a súa casa.

Nos intres nos que a frustración me invade ou simplemente cando quero sentir o tacto suave da maternidade, quedo con ela. A pasos lixeiros percorro lentamente as beiras do seu corpo, deténdome alí onde a imaxinación me chama. Fermosa dos pés á cabeza, ela, tan diferente no norte e no sur, queda dividida en dous campus totalmente opostos. Debo confesar que me namorei da súa cultura, da diversidade e da fermosura das súas rúas que me fan estremecer. Bendita sexas querida amiga.

Nas mañás frías recíbeme cos brazos abertos. E eu, cando as bágoas inundan as súas meixelas, consóloa: chora moito a miña compañeira. Ela é pasaxeira e permanente, a envexa da Coruña, de Vigo, Ourense e Pontevedra. Unha vella lenda e renovada cidade, habitada maiormente pola forza da prosperidade.

Aliméntame e fórmame nun soño, agora tan real. Ela fórmame na súa Facultade de Ciencias da Comunicación e transmíteme a forza que preciso para comezar a folla en branco. Ás veces namorarnos é recomendábel, fascinante e pracenteiro. É un luxo namorarme de ti, miña querida Santiago de Compostela.

Noelia Gómez Calvo

É rianxeira, ten 19 anos. Estudante de Xornalismo na USC. Pianista e amante da literatura