«Adigna debe conservar o "g" porque é o seu nome vello e é o topónimo máis puro»

Marcos Gago Otero
marcos gago SANXENXO / LA VOZ

FIRMAS

Membro do Seminario de Estudos Locais de Sanxenxo, este ano centrouse nos segredos da antiga igrexa portonovesa

29 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Rafael Fontoira defendeu hai uns días diante da alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, que Adina debera preservar a ?g? no topónimo e onde disertou sobre a importancia da antiga igrexa.

-¿Por que hai que manter o ?g??

-Porque creo que está relacionado cunha igrexiña adicada a Atecina ou Adegina. É o nome que atopei nunha vila de Badaxoz que conserva restos dunha igrexiña adicada a esa deusa. Non hai diferenza entre Adegina e Adigna, por iso creo que debe conservar o ?g? porque é o seu nome vello, e é un topónimo que debera conservarse o máis puro posible. Ademais, Adegina era unha deusa do inframundo. Onde había minas sempre se atopaban templos a Adegina, e aquí en Sanxenxo hai minas de estaño, e por iso digo que debera conservarse o nome de Adigna.

-¿E que nos pode contar da historia da igrexa?

-Pois non temos ningunha documentación antiga da igrexa de Adigna. Sen embargo, a igrexa ten unha nave tan grande, que é unha das máis grandes da provincia entre as románicas. Non é unha nave dunha igrexa normal e eu creo que vai ser parte dun mosteiro. Despois de ter o meu traballo feito, José Manuel Abel, que falará maña [por hoxe], díxonos que no Arquivo Histórico Nacional aparece documentación do mosteiro da Nosa Señora da Asunción de Adigna. Habería que enviar a alguén alí, que fose capaz de traducir a escritura medieval, porque eu non estou capacitado para facelo, e ver que pasou.

-¿E por que desapareceu?

-Sempre imos quedar coa dúbida de por que foi abandonado. Os mosteiros ou eran beneditinos ou eran cistercienses. Os cistercienses nunca abandonaban as súas fundacións, como o de Armenteira, que ten un priorado en Arra. Tamén están os beneditinos que tiñan moitas propiedades neste concello, como a Granxa de Sanxenxo, que era do mosteiro de Lérez, ou o couto de Simes. Non sei se algún día se saberá por que foi abandonado, pero eu poño sobre a mesa que puidese ser un mosteiro feminino. O máis cercano é o de Donas, en Gondomar, ou Ferreira de Pantón, moi alonxados de aquí. Como hipótese, creo que puideron quedar moi poucas monxas e ao non poder botarlle man, tiveron que irse. Ademais, esta documentación demostra que a igrexa de Adigna chámase da Nosa Señora da Asunción, e non de santa María como se coñece agora. E é curioso que o retablo que ten no centro é a Ascensión da Virxe e a festa é o 15 de agosto. É unha demostración do que pensamos.

-¿E entón, de cando data a igrexa?

-Non temos nin idea da súa fundación. A nave da igrexa é finais do século XIII, pola súa estrutura e os seus caneciños, pero iso non quere dicir que non houbese nada máis antigo antes.

-¿Por que ese interese neste templo?

-Cada ano queremos describir un edificio, deixar o terreo preparado, con planos e descricións detalladas para a labor de futuros investigadores. En Adigna temos cas capelas laterais do século XVIII, e sobre a torre temos á única documentación que queda antiga desta igrexa, porque se encargou ao mesmo tempo que San Xinés de Padriñán, nese século.

-¿Que lle chama a atención do edificio?

-Ten unha capela mortuoria do século XVI no lateral norte, onde había un monumento e que algúns autores creen que podía ser un baldaquino. Hai figura reutilizadas que formaban parte dese monumento. Era dun nobre pero non sabemos quen.

rafael fontoira arquitecto