«O obxectivo é animar á xente a que probe e coñeza o Linux»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

O informático, cun dos robots que pode verse na exposición que hai no auditorio.
O informático, cun dos robots que pode verse na exposición que hai no auditorio. mónica ferreirós< / span>

É un defensor do sistema operativo alternativo a Windows

15 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A comezos do ano pasado, un grupo de rianxeiros afeccionados á informática poñían en marcha o colectivo Gulir ou, o que é o mesmo, o Grupo de Usuarios de Linux de Rianxo. O seu obxectivo non era outro que dar a coñecer este sistema operativo e animar á poboación, polo menos, a probalo. Estes días, con motivo do día de Internet, que se conmemora o sábado, a asociación ten unha exposición no auditorio da vila e organizou para mañá un ciclo de charlas.

-¿Por que esa defensa do Linux?

-Para nós, o Linux ten moitas vantaxes, as principais, que é libre e gratuíto. É un sistema aberto, que sabemos como está feito e podemos empregalo sen restricións, sen a necesidade de contar cunha licenza de uso. Baséase, ante todo, na liberdade de elección e de coñecemento.

-¿Montaron o grupo Gulir para dar a coñecer estas vantaxes que ten o Linux?

-Hai uns anos era un gran descoñecido para o público en xeral. O seu uso estaba practicamente restrinxido ao eido empresarial e ao mundo da investigación, pero agora xa non é así, pois todos os móbiles que teñen Androide empregan Linux. Nós somos un grupo de persoas con inquedanzas que queremos divulgar temas relacionados co software libre. O obxectivo é animar á xente a que probe e coñeza o Linux.

-As xornadas con motivo do día de Internet arrancaron cunha exposición no auditorio, ¿que pode atopar alí a xente?

-Hai distintas seccións. Nunha delas, por exemplo, amosamos unha selección de escritorios, pois en Linux son personalizables. Tamén temos un apartado de xogos e incluso unha ferramenta para executar aplicacións de Windows baixo Linux e á inversa.

-Hai tamén unha sección de aparellos feitos na casa, ¿que elementos a integran?

-Alí temos un par de robotiños feitos con pequenos ordenadores ou placas libres. Tamén un centro multimedia feito a partir dun televisor, no que se poden ver distintas canles, pero tamén vídeos, fotos e incluso descargar arquivos de Internet. Logo, hai un equipo que amosa como se crea unha aplicación para móbil. Do mesmo xeito, temos un espazo de aparellos antigos, como un ordenador portátil dun dez quilos ou un móbil dos que tiñan a batería independente.

-A proposta complétase con charlas...

-Si. Van ter lugar mañá, a partir das 19.00 horas. A primeira vai ser sobre ciberseguridade e logo sucederanse diversas intervencións sobre aplicacións libres como OpenData ou OpenStreetMap.

-¿Teñen algunha outra actividade en mente?

-Nós pretendemos levar a cabo actividades máis alá destas xornadas, que organizamos por segundo ano consecutivo, pero non o estamos facendo por falla de tempo. O ano pasado, por exemplo, elaboramos unha aplicación para as festas da Guadalupe, na que se podía consultar todo o programa de actividades e logo se ían introducindo posibles cambios. Como proba, estivo ben, pero é preciso mellorala.

carlos ces responsable do colectivo gulir de rianxo