Estalúns (Ribeira) dálle nome a unha punta costeira no concello de Ribeira. A xulgar polo contexto litoral en que se atopa, quizais poidamos dar por boa a hipótese formulada por Edelmiro Bascuas (2002), quen, a través da raíz común que parecen presentar, relacionou Estalúns con outros hidrotopónimos como Éstoa (A Pastoriza) ou o ben coñecido e estudado Esla, afluente do Douro que concorre na documentación medieval baixo a variante Estula, e que podemos considerar un cognado dese topónimo chairego.
Mais, de aceptarmos o étimo *ESTALLONES reconstruído por Bascuas, permanece aínda a dificultade da súa terminación ?úns. Outros topónimos galegos parecen ofrecer a mesma solución para a terminación ?ONES, coas pertinentes variantes dialectais: temos así Colúns (Mazaricos e Vimianzo), Ladrús (Curtis), talvez Vizús (Pontedeume) etcétera.
Trátase, porén, dun tratamento que, a diferenza do que ocorre noutros sistemas lingüísticos próximos (cfr. asturiano Xixún, Padrún etcétera), no dominio galego resulta infrecuente e difícil de explicar conforme ás pautas da fonética histórica.