Conectado con Rosalía desde novo

La Voz

FIRMAS

Gonzalo Hermo naceu en 1987 na Coruña pero as circunstancias laborais paternas fixeron que os seus primeiros anos de vida fosen nómades: primeiro Oleiros, logo Rianxo e Boiro, máis tarde Vigo. «A miña infancia é Vigo», subliña Gonzalo, que lembra volver a Taragoña con pena dos amigos que deixaba para entrar no instituto de Rianxo.

O neno que, fascinado, pasaba as follas dunha enciclopedia infantil ilustrada recorda como o profesor rianxeiro Xesús Costas alimentou a súa querenza pola historia. Primeiras lecturas: o Espantallo amigo de Neira Vilas antes de durmir en boca de súa nai, Rebeldes e a tristeza rosaliana das Follas Novas coa que conectou sendo moi novo sinalaban o camiño filolóxico e poético que escollería anos despois. Resulta doado evocar o adolescente que pasaba as tardes na praia da Torre coa súa amiga Nerea, acubillados na Pedra do Abrigo porque ao conversar con el pasan as ondas polos seus ollos de azul enchente ou ponse luz de torbón. Literalmente.

Primeiras escritas: o diario que deriva cara ao verso, o pracer de teclear na máquina de escribir en estrita intimidade. De universitario en Santiago: o florecemento. «Saía, escribía, era moi activo; os primeiros anos foron de moita enerxía». Coñecer a Alicia Fernández e a Francisco Cortegoso e comezar a tomar a súa poesía máis en serio foi todo un, malia que aínda usase un pseudónimo para as primeiras publicacións, na Biblioteca Virtual Galega e Andar 21.

Os seus referentes eran clásicos e entrar na facultade modificou a súa forma de escribir. E tamén dous libros: m-Talá, de Chus Pato, e Baleas e baleas, de Luísa Castro, para verificar que a poesía podía ser calquera cousa, todas as cousas. Empaparse das autoras dos 90. Escribir con total liberdade. E así Gonzalo acadou en 2010 o prestixioso premio Xuventude Crea co poemario Crac baixo o lema Escola do resentimento (que máis tarde recuperaría para o seu blog).

Hoxe traballa no Instituto da Lingua Galega e estuda para a súa tese a toponimia dun códice medieval. Esta disciplina levouno a facer un estudo arredor do significado dos nomes das aldeas de Taragoña, coa vontade de que se incluísen algúns ausentes no nomenclátor. Entre as mans ten un novo proxecto poético que se resiste a desvelar.