«Poder traballar no lugar do que un é vai ser excepcional»

Juan María Capeáns Garrido
juan capeáns SANTIAGO / LA VOZ

FIRMAS

SANDRA ALONSO

É a científica da área socioeconómica da Universidade máis citada

09 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

María Loureiro profesora titular de fundamentos de análise económica da uSC

Só cinco membros da Universidade de Santiago poden atopar os seus nomes nestes intres no informe Thompson Reuters dos investigadores máis citados do mundo nas súas respectivas disciplinas. María Loureiro (A Pontenova, 1972) é, ademais, a única que o conseguíu dende a área socioeconómica, na que a USC ten resultados máis discretos á hora de compararse con outras institucións académicas.

-¿Como o logrou?

-É unha honra saír nomeada aí. Cando cheguei á USC pensei que sería moi difícil publicar, e de feito o é. Resulta moi traballoso ter espazo nas revistas de referencia, e en parte o logrei porque a tese que lin foi moi citada, porque trataba a economía ambiental con aspectos da psicoloxía social, e iso xerou moitas citas. Agora o fago dende aquí coas limitacións que hai.

-As cousas claras. O seu arranca en Estados Unidos.

-É certo. Ao rematar os estudos na USC fixen un máster na Washington State University. Era de dous anos e só tiña unha bolsa dun curso, pero a universidade ofreceuse para que me quedase cun contrato de colaboradora, dando clases prácticas mentres remataba a tese. Despois enviei o meu currículo a varios centros de España e Estados Unidos, e de aquí non me chamaron de ningún sitio, e en América de todos, así que fun de profesora para a Colorado State University.

-Logo, coñece as diferenzas.

-América ten un mercado altamente competitivo, máis dinámico, e cada quen ten o seu oco. Non é preciso estar no momento adecuado sempre que teñas algo que ofrecer. Despois atopei o meu espazo aquí, pero as nosas estruturas son moito máis estáticas e pechadas. Xa dentro, a diferenza está na falta de fondos [en España], pero tamén no prestixio social. Alí é prestixioso ser profesor universitario, e aquí non, ou polo menos vai a menos.

-Regresou a Santiago no 2004. España ía como un tiro.

-Xa, pero para cando recoñeceron o meu título en Santiago para poder investigar a bonanza rematara. Agora hai moito menos financiamento e a miña aposta é Bruxelas, co programa Horizonte 2020.

-Pero semella que os cartos da UE irán máis ben para temas de saúde e benestar.

-A economía é moi transversal, chega a todas as áreas.

-¿Interesa en Europa o que se faga dende este recuncho?

-Non teño ningún complexo de inferioridade. Podemos ter limitacións para xerar equipos, pero o mellor é ter unha boa idea. Se unha boa idea acontece en Harvard sairá adiante polo seu dinamismo, pero se xorde en Santiago tamén ten futuro. Eu vou intentalo con moitas propostas, é a única saída porque non hai moito para onde mirar. A miña idea será rompedora: incorpora economía ambiental, psicoloxía social, comportamentos humanos?

-Agora vai participar activamente na Escola Internacional de Doutoramento da USC como secretaria. ¿Como pode animar aos mozos a investigar?

-É difícil, pero hai que pensar que isto é un ciclo. Temos a mesma capacidade que calquera no mundo, e ademais somos moi creativos, polo que hai que aproveitar a crise para ser máis activos na procura de fondos e fontes. Non hai que esperar, temos que ofrecernos nós, porque cando as cousas muden necesitaremos bos profesionais.

-Vostede marchou voluntariamente. ¿Recomenda a experiencia?

-Moito, aínda que unha cousa é a mobilidade e outra a emigración. A mobilidade ten un custo persoal e económico, pero tamén de reinserción. Tardamos moito en reasumir aos nosos individuos, aínda que no meu caso foi útil como investigadora e como cidadá. As decepcións ocorren cando tes expectativas, e se chega o caso no que o mellor é marchar, hai que afrontalo como unha boa oportunidade. Traballar no sitio do que un é vai ser algo excepcional e temos que estar preparados.

-Traballo, traballo, traballo...

-E sorte. Na vida tamén hai que ter sorte. Traballamos moito e todo o que ti queiras, pero quen ignore a importancia do azar...

-¿Vostede tivo sorte?

-Pois si. En Estados Unidos tocoume traballar cun titor extraordinario e impactante. Tiven acceso a unha persoa inspiradora coa que disfrutei moito, foi unha sorte, claro que si.