Mareos

FRAN BOUSO MONDOÑEDO / LA VOZ

FIRMAS

13 ene 2014 . Actualizado a las 18:39 h.

Aúnica vez que me mareei viaxando en coche e como consecuencia vomitei foi fai algo máis de trinta anos baixando de Lindín a os Muíños. Ben é certo que se deron varias circunstancias adversas. Unha delas é que conducía meu cuñado, Electroméndez a quen lle gustan as emocións fortes ao volante. Tanto é así que un día pilotou o seu Citroën GS pola Avenida de Bos Aires de Mondoñedo en tres rodas para demostrar a gran estabilidade do vehículo.

Nesa ocasión o coche no que viaxábamos era un Citroën 2 CV furgoneta que estaba sen asentos na parte traseira para poder levar o material eléctrico e ferramentas que empregaba no seu traballo e eu ía sentado no chan da caixa de carga. Outro dos motivos era que acababa de comer os callos na casa dos meus tíos do Chao de Lindín e a terceira e máis determinante as moitas curvas e moi pronunciadas que había e segue habendo no trazado da estrada que baixa desde Lindín a Mondoñedo, exactamente a mesma que servirá, unha vez que se abran ao tráfico os tramos da A8 que están a piques de entrar en funcionamento, como enlace ao centro da Cidade da Paula.

Nestes días ese mesmo tramo de estrada está a provocar moitos mareos de cabeza, e con razón, ao alcalde de Mondoñedo e aos mindonienses en xeral porque din ?dicimos- que é «unha vía terceiromundista».

Fai trinta anos a maior parte das estradas eran así porque as capacidades construtivas, tanto tecnolóxicas como económicas non daban para máis, pero hoxe en día non se pode consentir que un acceso principal desde unha autovía presente esa configuración. En primeiro lugar por seguridade e por conseguinte, por servizo.

Desde aquela viaxe que lles relataba ao comezo destas liñas ata os días de hoxe non houbo cambios no trazado da estrada de Lindín agás pequenas modificacións motivadas pola construción dalgún piar do viaduto que Paco Piñeiro bautizou como ?Balcón de Mondoñedo?. O firme está totalmente deteriorado por consecuencia do paso dos vehículos de grande tonelaxe que ao longo dos últimos anos pasaron por alí para a execución da obra da autovía.

Os mindonienses sabemos que para enlazar coa A8, na maior parte dos casos imos subir á Xesta se imos cara Abadín ou ao Alto de Arroxo se collemos sentido Barreiros, pero non queremos que os moitos ou poucos visitantes que se acheguen a Mondoñedo entren por un «camiño de cabras? e tamén desexamos recuperar dunha vez por todas as relacións que sempre houbo con Riotorto, A Pastoriza ou A Pontenova, algo que se ven reclamando desde hai varios anos por parte das autoridades e veciños destes municipios.

Orlando González convocou para os vindeiros días unha xuntanza coas asociacións mindonienses para xunguir forzas e reclamar o que é xusto e necesario. Son consciente das dificultades que teñen as administracións para poder investir uns fondos públicos escasos, que son moitas as necesidades que existen, principalmente no tocante a servizos sociais e que é obrigación, agora e sempre, mirar cada céntimo que se gasta. Pero se non queremos lamentar males maiores nun futuro próximo esta estrada débese mellorar e ata que iso non se consiga non debe para o berro ao unísono de Mondoñedo e a súa comarca.

Non queremos que os visitantes que se acheguen a Mondoñedo entren por un «camiño de cabras»