O florista Fernando Quelle di que cada vez se usan máis os bonos-regalo en enterros

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA BURELA / LA VOZ

FIRMAS

31 oct 2013 . Actualizado a las 19:43 h.

Chega Defuntos e Todos los Santos e por estas datas sempre toca falar dos seres queridos que xa non están... e das frores que amigos e familiares lles depositan en todos os cemiterios da comarca. É unha tradición con moita raigame e que leva consigo un considerable aumento de prezos nas frores, algo que aprecia xa estes días Fernando Quelle Cordido (San Román-Cervo, 1974), dono da Floristería Alecrín en Burela.

-¿Pode dar algunhas referencias de prezos destes días?

-O que máis se leva son o clavel vermello, que está a 8,50 ou 9 euros según a calidade, o crisantemo, entre 1,50 e 2 euros por unidade e a rosa vermella, que se valora según o largo do tallo, entre 2 e 3,50 cada unha. Outras flores están a 1,70 o gladiolo, a 1,60 o liatrix, a 1,80 o lilium, a 5 euros o manollo de clavelina ou a 1,70 o iris. Os máis caros son o anturium a 7 euros ou a orquídea a 5, falando nestes casos de unidade, aínda que nun día normal xa se atopan a eses prezos. O resto, coma o crisantemo ou o clavel, poden pasar de 5 a 9 euros, case o dobre.

-¿Mudaron os hábitos de compra coa crise económica?

-Ao mellor xa non se piden cousas tan caras pero a cantidade si, porque se levan centros á nai, ao pai, á tía, avós, etc... O centro máis caro que fixen valía entre 150 e 180 euros. Todo é sempre bastante clásico. Un cliente si que me pediu unha xardineira en forma de barco porque o señor fora mariñeiro. Os costumes non cambiaron moito pero o que si vemos incrementado é o uso de bonos-regalo para enterros. En vez de vir encargar un centro á tenda compras unha tarxeta e lla das á familia para que en días posteriores ou ao mes se lle leve o ramo ao nicho. Soa raro, si, pero moita xente xa o pide.