Neira Pérez reflexiona sobre a vida nun traballo audiovisual sobre as orixes e o presente da procesión das Mortaxas
23 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.«Na procesión vense cadaleitos polas rúas e iso pode parecer estraño»
«O documental é unha radiografía do Nazareno, o de onte, o de hoxe e o futuro»
Resulta difícil facerse unha imaxe mental da Pobra do Caramiñal sen pensar no Nazareno, sen embargo, a maioría descoñece as orixes desta festa e dunha das tradicións con máis arraigo na bisbarra, a procesión das Mortaxas. Co fin de explicar o por que desta celebración e reflexionar sobre a vida e a morte, Xoán Manuel Neira levou a cabo un amplo traballo de investigación que acaba de ser presentado na vila pobrense e que xa está á venda.
-¿Como foi o proceso para que este traballo vira a luz?
-Este tema xurdiu dentro dun proxecto moi amplo. A raíz do encargo para facer a páxina web do Nazareno levei a cabo a investigación; foi case un ano de traballo. É a primeira vez que se documenta o que é o Nazareno, desde a súa historia, a súa antropoloxía, a súa filosofía... Isto é importante para entendelo, porque na procesión vense cadaleitos polas rúas e iso pode parecer estraño...
-¿Era necesario dar unha explicación a esta tradición?
-Claro. Porque as extravagancias acaban desaparecendo co tempo, non podes manter unha tradición que a priori é unha extravagancia, e se aínda aos do pobo nos sorprende cada terceiro domingo de setembro ver as mortaxas na rúa, canto máis aos profanos. A procesión ten detrás un entramado antropolóxico no que o home reflexiona e celebra a vida. A procesión do Nazareno non é só unha procesión.
-O título do documental, «Nazareno, un canto á vida», pode parecer un paradoxo.
-A procesión é un canto á vida porque as persoas que van aí afrontan e asumen a realidade da morte coma unha realidade que existe, e son capaces de reflexionar sobre iso para gozar e celebrar a vida. Desde hai miles de anos, e podémolo ver nas mámoas das Chans do Iroite, o home vénse formulando isto mesmo, preguntándose sobre a morte pero para reflexionar sobre a vida. Esa é a esencia do Nazareno. Se non es consciente de que es un ser finito vives nun libre albedrío, e cando te enfrontas á morte reflexionamos e valoramos a propia vida.
-¿Que atoparán no documental as persoas que o merquen?
-Son cincuenta minutos enmarcados nun día enteiro do Nazareno, desde as 6 da madrugada ata as 12 da noite, pero ese día articúlase en sete capítulos que van desde as orixes, antes incluso do cristianismo, ata como esa tradición se vai articulando na actualidade, incluíndo as verbenas e os fogos artificiais, que tamén son parte desa celebración da vida. O documental é unha radiografía do Nazareno, o de onte, o de hoxe e o futuro, porque o futuro parte do coñecemento de todo o anterior.
-¿Este traballo está pensado para que a xente da Pobra coñeza as orixes do Nazareno ou para explicar esta tradición aos de fóra?
-Fíxose principalmente para divulgar. Está feito para os pobrenses, porque descoñecen a tradición, e para que os de fóra poidan entender os valores do pobo galego en torno á reflexión sobre a morte.
-Como teólogo, vostede ten tratado este tema noutros traballos, ¿que ten a morte que interesa tanto?
-Cambie o que cambie, a morte é unha preocupación para o home, e é así desde Atapuerca, e aquí en Galicia continúa hasta hoxe porque o pobo galego é moi reflexivo sobre a morte, é parte da nosa vida.
Xoán Manuel Neira Pérez Teólogo