Con cachelos, en guiso, á feira, en vinagreta, ás brasas... o gusto por comer polbo é unha das poucas cousas que nos une a todos os galegos e galegas, por riba das cotiás e insufribles liortas políticas, sociais ou mesmo balompédicas. Segundo a ciencia taxonómica o polbo é un molusco cefalópodo, o que vén significar que ten as patas na cabeza. Tal estrambótica disposición anatómica non só non lle prexudica senón que o faculta para as máis asombrosas proezas escapistas. Coma un Houdini acuático, o polbo é quen de pasar por buratos tan pequenos como a cápsula cartilaxinosa que recobre o seu cerebro e que ten o tamaño dunha noz. Esta habilidade resúltalle moi útil para escapulirse entre as anfractuosidades das rochas e fuxir dos seus depredadores naturais como o congro.
Os tentáculos do polbo son un prodixio da anatomía: son quen de desenroscar un frasco para acceder ao seu contido. Pero os brazos do polbo tamén teñen cometido galante: o terceiro brazo da dereita do macho é o órgano copulador. Con el extrae da súa propia cloaca unha masa de esperma e deposítaa na cloaca da femia, coma se se tratase dunha inseminación artificial.
O polbo é un mestre da camuflaxe. A súa pel está inzada de milleiros de células cheas de pigmentos coloreados, e baixo elas ten febras musculares sumamente finas. Con elas, a pel pode adoptar a cor e a textura dos fondos mariños polos que deambula. As súas desventuradas presas, como cangrexos, moluscos e peixes, achéganse a el sen decatarse ata o último segundo de que se dirixen á unha morte segura.
Vista magnífica
A vista do polbo é magnífica, os seus ollos son moi parecidos aos ollos humanos. E, aínda que non ten nariz, o seu olfacto é finísimo: conta con máis de 16 millóns de células quimiorreceptoras repartidas por todo o corpo. Non obstante, non ten oído: é completamente xordo.
A femia do polbo é unha nai abnegada ata o heroísmo. Pon uns 40.000 ovos en forma de acios que colga no teito dunha caverna submarina. Despois fai un muro de pedras na entrada e queda encerrada dentro. Durante todo o tempo que permaneza dentro non comerá nada. Dedicarase a soprar co seu sifón para renovar a auga da cova e que os ovos estean sempre ben osixenados. Tamén se enfrontará con ferocidade a todos os depredadores que intenten penetrar no refuxio e devorar a posta. Ao cabo dun mes eclosionan os ovos e saen as crías, que a partir deste momento iniciarán a súa vida independente, mentres que a nai, exhausta, morrerá ás poucas horas.
Os polbos utilizan a súa saliva velenosa para inmobilizar as presas mentres as comen. Cómpre ter coidado cando se manipulan exemplares vivos porque a súa picada é dolorosa. Un caso extremo é o polbo australiano de aneis azuis, que ten unha neurotoxina paralizante en cantidade suficiente como para matar a 26 persoas, o que o sitúa como un dos animais máis velenosos do mundo
Con todo isto, non é raro que se cualifique o polbo como o animal invertebrado máis intelixente. De todos os xeitos non parece seguro que o polbo Paul vaticinara a vitoria da «roja» no mundial de Sudáfrica pola súa capacidade de análise futboleira.
Ter as patas na cabeza faculta este cefalópodo para as máis asombrosas proezas escapistas