
Hai cen anos, Chantada recibiu a noticia da morte do profesor e escritor
18 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Hai exactamente cen anos, o 18 de xuño de 1913, os chantadinos recibiron a noticia do falecemento do mestre e escritor Manuel Formoso Lamas, unha personalidade que deixou unha fonda pegada durante os anos en que residiu na vila. O semanario local El Centinela informou ese día da súa morte con estas palabras: «La sorpresa primero y el dolor después, embargaron nuestro ánimo; y al comunicar la triste nueva a los lectores la pluma tiembla en nuestra mano». O finado tiña por entón 62 anos e vivía na localidade de Almansa, na provincia de Albacete, onde seguía dedicándose ao ensino.
Formoso Lamas non era natural de Chantada nin da comarca, senón da parroquia de San Vicenzo de Burres, no municipio coruñés de Arzúa. Estudou no seminario de Mondoñedo e traballou sempre como mestre de escola, a pesar de que tiña o título de profesor de «escola normal», nome que recibían por entón os centros de formación do profesorado. Estivo destinado en Pontedeume e Chantada, onde ademais de ensinar na escola pública, impartía tamén clases particulares. «Todo el día y parte de la noche los dedicaba a al escuela oficial y a las lecciones privadas», apuntaron os redactores de El Centinela no seu oblituario, sinalando ademais que o ensino foi «su afición, su pasión, su obsesión».
Dúas xeracións de alumnos
Durante os anos que viviu en Chantada, Formoso Lamas formou a dúas xeracións de alumnos e labrouse unha ampla fama como ensinante. Bastantes anos despois da súa morte, os veciños que querían dar máis peso ás súas opinións sobre calquera asunto, aducían como mérito a circunstancia de ter sido discípulos seus, o que se consideraba como garantía de ter recibido unha sólida educación.
Ademais de desenvolver o seu labor docente, Formoso Lamas publicou numerosas colaboracións na prensa e escribiu o libro Apuntes para la historia de Chantada, que saíu en 1905 do obradoiro do impresor madrileño Marceliano Tabarés cunha dedicatoria ao vicario xeral da diócese de Madrid-Alcalá, Javier Vales Faílde, natural das terras de Camba, e un prólogo do político pontevedrés Eduardo Vincenti, quen nesa altura era alcalde da capital do Estado. A obra consta de 32 capítulos que abordan diferentes aspectos da historia local -desde unha perspectiva condicionada polos limitados coñecementos históricos e arqueolóxicos da época- e durante moito tempo foi unha obra de referencia entre os chantadinos en todo o referente ao pasado do municipio. Formoso Lamas tamén publicou en 1892 un manual prático sobre a utilización do sistema métrico decimal.
Un século despois do seu pasamento, Manuel Formoso Lamas segue sendo recordado en Chantada polo nome da rúa que vai desde o Cantón ata a Alameda, na que ademáis está o edificio onde impartiu clases, recentemente adquirido e reformado polo Concello. Porén, o libro que dedicou á historia do municipio nunca foi reimpreso e na actualidade é moi difícil encontrar algún dos poucos exemplares que se conservan da obra.