Un país en positivo

XOSÉ MANOEL RODRÍGUEZ OURENSE / LA VOZ

FIRMAS

A Fundación Vicente Risco estrea «Galiza emerxente», un documental concebido como «unha mensaxe de futuro»

22 nov 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

A Fundación Vicente Risco estrea esta tarde, ás 20.30 horas no paraninfo do IES Otero Pedrayo, o documental Galiza emerxente. O traballo promovido dende a fundación conta coa participación de seis emprendedores galegos, que foron escollidos como referentes de Galicia para, dende a súa experiencia, proxectos e reflexións, «transmitir unha mensaxe de optimismo sobre o futuro de Galiza».

No documental participan André Arzúa, restaurador de A Fábrica de Vilanova (Allariz), a cantante e compositora Gaudi Galego, Moisés Sanromán, promotor de Summum Delicatessen, a creadora da empresa de aceites galegos Olei, María Estévez, Rubén Riós, a deseñadora de moda Mónica Guillán e José Luís Mateo, viticultor de Monterrei (Quinta da Muradella).

Seis apostas polo país

Ao longo dos case cuarenta minutos de duración do traballo os participantes falan dos seus proxectos, de por que elexiron implicarse con actuacións e iniciativas empresariais en Galicia, da súa aposta polo idioma, do aproveitamento dos recursos propios, do futuro do país e doutros asuntos de interese. Artellouse o proxecto «a través de pequenas entrevistas, nas que estes seis participantes relatan as súas experiencias como emprendedores, explicando como lograron acadar o éxito empresarial co que contan na actualidade e as súas expectativas a longo prazo, ademais de aportar a súa visión de como ven o futuro inmediato de Galiza».

Tomando como referencia os proxectos e experiencias desenvolvidas por María Estévez, Rubén Riós, José Luis Mateos, Mónica Guillán, André Arzúa e Moisés Sanromán a fundación quere incidir na coincidencia dos participantes «en resaltar o feito de que o progreso de Galiza pasa por vencellar tradición e modernidade para aproveitar o enorme potencial desta terra. Ademáis de transmitirlles ás novas xeracións que en Galiza tamén é posible un pleno desenvolvemento profesional, transformando en negocio rendible ideas ou proxectos empresariais». A dirección foi de Luís Martínez-Risco, Alba Prol Cid, María Pérez Rodríguez e Elena Rodríguez Feijoo.