«O saxofón é un instrumento moi completo, con moitas saídas»

Patricia Blanco
patricia blanco RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

CARMELA QUEIJEIRO

Ten 18 anos e acaba de ser galardoado na Mostra Musical do Eixo Atlántico co primeiro premio na súa categoría

17 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Vén de ser distinguido co primeiro premio de saxofón na Mostra Musical do Eixo Atlántico, celebrada en Vilagarcía a fin de semana pasada e na cal concorrían máis de 200 artistas noveis procedentes de toda Galicia e da zona norte de Portugal. Amaro Sampedro López ten 18 anos -cumprirá os 19 o 25 de decembro- e, aínda que agora vive en Rois, boa parte da súa familia é de Ribeira. Sempre tivo moita relación coa comarca e, para mostra, matiza: «A miña partida de nacemento é de A Pobra».

Agora, é alumno do conservatorio de Santa Uxía, ademais dun dos integrantes do recentemente creado Ensemble Galego de Saxofón, unha iniciativa pioneira en Galicia. Tamén integra «cuns colegas» un grupo de música co que fan algún que outro concerto. Gústalle estar un pouco en todo. Precisamente iso mesmo ocorre co saxofón.

-¿Que sente con este premio?

-Estou contento e, sobre todo, agradecido, porque é como unha resposta a todo o traballo feito este ano. Gústanme este tipo de certames, máis alá de que resultes ou non galardoado, porque che permite ver o que fan outros compañeiros. É unha competitividade moi san. Vin que os rapaces portugueses teñen moitísimo nivel. Tamén os galegos. E sobre todo dentro do vento madeira e metal.

-¿Cando comeza na música?

-Tiña once anos e empecei na banda municipal de Padrón. Logo estiven na de Valga e agora curso quinto de grao medio aquí en Ribeira. Coñecera ao profesor Luís Fungueiriño e gustábame a súa maneira de dar clase.

-¿Como chega a el?

-A través da Aula Galega de Saxofón, un proxecto que parte deste centro e no que dá clase Roberto Vila, profesor nas Illas Baleares. Aí empecei a coñecer a Fungui, e gustoume a súa pedagoxía.

-¿Por que o saxofón?

-Cando un é pequeno non sabe moi ben o que elixir, pero a min gustábame o jazz, e o saxofón aparecía nos Simpson [ri]... Tamén tiña predilección por outros, como a percusión, a trompeta, o piano, o violín... Moita xente se decanta polo piano ou a guitarra, pero o saxofón é un instrumento moi completo, con moitas saídas e posibilidades: charangas, orquestras, música clásica, salsa, jazz, música brasileira, incluso rock. Moita da música contemporánea que se compón actualmente é adaptable... É un instrumento clave polas súas características, pero non hai un que sexa mellor que outro. Cada un ten o seu timbre, as súas características e particularidades.

-¿Que plans de futuro ten?

-Continuar cos estudos de saxofón e, logo de rematar aquí, ir a Madrid. Xa teño varios conservatorios mirados, aínda que neste caso búscase máis a un profesor concreto que unha facultade determinada. Do mestre vas aprendendo o que sabe.

-¿Algún que o marcase?

-Pasei por moitos profesores, pero podería citar a José Tubío, Diego García e, agora, ao profesor da Aula Galega de Saxofón, Rodrigo Vila. El impactoume e é o que me está guiando.

-¿Dedícalle moitas horas ao día a estudar saxofón?

-Este curso, unhas catro, ou incluso cinco. Pero todo depende de como esteas física e mentalmente cando te pos a estudar. Hai épocas de máis rendemento que outras, en función da concentración, así que o das horas depende de como llas dediques.

amaro sampedro LÓPEZ estudante no conservatorio de ribeira