Propoñemos unha actividade para ver como funciona o tradutor de Google. Non sei se terei moitos lectores coñecedores do esperanto, a lingua que motivou a noticia, pero como eu non me defendo moito nesta lingua e aínda vou demorarme algo en estudala, tomaremos como base un texto inglés e outro español e traducirémolos ao galego.
Do inglés ao galego
Para facer as probas temos dúas opcións. Se navegamos co Chrome, nas ferramentas podemos seleccionar que se faga automaticamente a tradución das webs que visitamos. Así o fixemos para traducir do inglés ao galego: aproveitando que a semana pasada celebramos o Día do Libro, buscamos na Wikipedia en inglés a Shakespeare.
Do castelán ao galego
Noutros programas (Explorer ou Firefox, por exemplo) podemos optar por instalar a barra de Google (que fará o mesmo que o Chrome) ou por abrir outra ventá de Google e logo o Tradutor (se non aparece, imos primeiro a +Máis), copiar o texto no cadro da esquerda e seleccionar arriba a lingua orixinal e a de chegada. Neste caso, partimos do artigo sobre Cervantes da Wikipedia en español, en lembranza do outro autor en cuxo honor o Día do Libro é o 23 de abril.
A actividade
Cos textos traducidos e os orixinais á man, imos comprobar a calidade da saída. Non fai falta ler todo, para unha sesión talvez abonda co arranque. Por exemplo, no primeiro parágrafo de Shakespeare atopamos cousas como «bautizado... e faleceu...», «faleceu [o] 23 de abril», «foi un inglés poeta e dramaturgo», «dramaturgo do mundo preeminente», «El é moitas veces chamado de Inglaterra poeta nacional», «As súas obras [?] consisten de preto de 38 pezas», «e son realizadas [representadas] con máis frecuencia». No índice obsérvase tamén que quedan algunhas palabras sen traducir («plays», «Performances»), algunhas maiúsculas trócanse por minúsculas e se cambian os puntos por comas nos números.
No de Cervantes tamén hai algunha cousa que non funciona. Por exemplo, como o programa non sabe o que é «abril1», di «April1», e máis adiante deixa «Theatre» sen traducir. Cambia «fue» por «era» e «considerado» por «considerada». Tamén hai algunha construción incomprensible: «Foi dado o apelido de Prince of Wits», «Ámbito arte» ou «Obras e as perdas atribuídas». E traducións sorprendentes, como «Embarcacións» por «Vasos» ou «Infancia y juventud» por «Nenos e mozos».
O porqué dos erros
Os erros sinalados teñen unha fácil explicación, pero unha solución difícil. Cando o orixinal non está correctamente escrito, o programa non pode, como os humanos, restaurar a forma correcta. Así, se La Mancha aparece como «la Mancha», o tradutor non sabe que se trata da rexión de Castela, e por iso contrae o artigo en «Don Quixote da Mancha». Tamén se equivoca cando as construcións son máis complexas (por iso non «entende» o de que «foi un poeta e dramaturgo inglés» ou ten erros de concordancia) ou nos casos de homonimia, polisemia ou sentidos figurados.
Aínda así, quitando cousas como «coñecido como o rei dos homes» ou que Cervantes «non foi bautizado», ¿cres que os textos obtidos son aceptables? Continúa coas seguintes actividades para valoralo.