«Fixen ducias de traxes dos Xenerais e todos son distintos»

Montse García Iglesias
Montse García LALÍN / LA VOZ

FIRMAS

A súa xastrería achéganse dende 48 parroquias en busca dos seus deseños

05 feb 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

A xastrería estradense de Luis Montáns é o gran referente do Entroido do Ulla. Veciño de Santeles, onde os Xenerais son tamén tradición, dende hai 40 anos inclúe entre os seus traballos a vestimenta destas figuras tradicionais. «Son ante todo xastre, aínda que algúns me chaman xastre dos xenerais, xastre do entroido pero ante todo son xastre», explica animadamente.

-¿Cando empezou con estes traxes do entroido tradicional?

-A principios dos anos 70. Tiven que arreglar un traxe e saiu ben, e dende ise cada ano máis.

-¿Xastre ou tamén algunha vez Xeneral? ¿De onde lle ven esta ligazón ao entroido?

-Estou moi apegado ao entroido porque son da parroquia de Santeles, e nela son moi carnavaleiros. Nunca fun de Xeneral nin de correo, pero si fun no entroido, nas carrozas, de señorito, no coro moitas veces, colaborei dende que era un crío.

-¿Cantos traxes fixo?

-Teño ducias de xenerais e correos feitos e anótoos todos. Teño un álbum e fágolle unha foto aos traxes, non só para que me quede un recordo senón para non repetir os mesmos adornos nos faxíns, nas mangas dos Xenerais e dos correos. Trátase de que, aínda que o traballo sexa moi parecido, sempre sexa diferente.

-¿Qué tomou como referencia para os primeiros traxes?

-Recopilei un pouco o que había doutros traxes. Un que se arreglou de Santeles foi feito nos anos 30. Cando empecei a traballar cambióuselle o forro e dende esas, xa se volveu a cambiar o forro e aínda hoxe segue andando o traxe. Entón, non imitar totalmente pero si copiar un pouco o que había de vello. O primeiro que fixen foi para Santeles.

-¿Canto tempo leva facer un traxe de xeneral?

-O que máis leva é o sombreiro, o tricornio que leva as plumas. Teño calculadas aproximadamente unhas 60 horas ou unha semana e pico de traballo. É un simple sombreiro de palla pero despois de que se fai hai que forralo, e adornalo todo antes de cerralo cando se lle poñen as plumas. Vai cosido puntada a puntada e leva unha media entre 5.000 e 6.000 abeloiros e lentejuelas. É un traballo moi delicado porque se te equivocas nun adorno que fixeches ou non che gusta, hai que desfacelo. As ombreiras tamén son moi laboriosas. Hai algúns galóns que teñen un baño de ouro, as medallas son de curso legal. Iso chámame a atención que un xastre teña acceso a estas cousas.

-¿Fai traxes para outras figuras do Entroido?

-Si, que os fago, como o do frade para Merza. Teño moita confianza con Cillero (presidente de Vello dos Cornos). Case podo dicir que teño confianza cos de todos os sitios, porque son moitos anos: cos de Piloño, cos de A Bandeira, cos de Santeles, os de Santa Lucía do Eixo, os de Marrozos, Aríns, Touro, Bama... Por aquí pasan agora 48 parroquias de nove concellos.

-¿Algún encargo especial?

-Si, os de Piloño que se empeñaron en facer un traxe de Xeneral de cor branca. Destaca moito porque os fondos de estes traxes todos son negros ou azuis, e tamén hai tres vermellos. E este ano estou terminando un tamén para Piloño, como o que usa o rei de gala, un color así marrón tostado. Queren rachar con todas as tradicións. Os primeiros que romperan foran os de Santa Lucía do Eixo que fai dez anos fixeran un vermello de todo, e despois fíxose outro para Bama...

-¿Que é o que encarece o traxe?

-Os flecos e as borlas, porque ten un baño de ouro. Teño un aquí que o sombreiro ten 150 plumas de pavo real e 45 de avestruz cando normalmente leva unha ducia das de avestruz e das outras 90 ou 100. É moi caro, e dos prezo só dicir que non se cobra o traballo que dá, cóbrase un prezo simbólico donde o xastre non perda todo e o que o encarga o poida pagar.

-¿Ten sucesores para seguir facen traxes de Xenerais?

-Non, teño dous fillos pero colleron outros camiños.

-¿Colle pulo o Entroido do Ulla e os Xenerais ou nota que decaen?

-De decaer nada. Algúns fanos en anos alternativos -porque esto da moito traballo-, outros todos os anos. Outros como os de Salgueiros ou agora Loimil recuperan os Xenerais despois de moitos anos sen facelos.

Luis Montáns é experto e incluso aconsella aos Xenerais ao ver algún que outro erro en ocasións: «As bandas dos traxes non van polo lado esquerdo, van polo lado dereito. Outros tamén lle pasa que a gorreta póñena os Xenerais, e os correos os tricornios».

Luis montáns Xastre estradense