Conversa no «iglú»

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

NEDA

Xavier Alcalá

24 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Neda. Establecemento hostaleiro á beiramar. Cargadores de baterías nun belo valado de pedra con hedras. «Tesla» a cargar. Por culpa da pandemia, clientela dentro de burbullas de aceiro e plástico. Nunha delas, conversa sobre «mobilidade eléctrica», prezos dos vehículos con motorización eléctrica, produción de furgonetas «eléctricas» na factoría de Citröen en Vigo... Na veciña Astano (nome que persiste) hai traballo dabondo para apoios de aeroxeradores en fondos mariños. No porto exterior de Ferrol móntase a estrutura xigantesca dun aeroxerador con base flotante para o parque eólico mariño de Viana do Castelo.

No «iglú» de plástico fálase de se no mundo hai enerxía renovable bastante como para alimentar miles de millóns de vehículos automóbiles, ata agora dependentes do petróleo e o gas natural. ¿Como garantir o servizo de carga de tanto vehículo? E a resposta ten nome: «redes intelixentes». Ata agora, petróleo e gas extraídos daban garantía de servizo en función das reservas en tanques. De agora en diante han funcionar a telemática, o manexo de datos masivos e a intelixencia artificial para que a enerxía flúa optimamente desde centros de xeración a puntos de consumo: minimizando o almacenamento da derivada eléctrica de fontes variables coma o vento, as correntes de auga ou o sol.