Entre 5 e 25 anos non hai desescalada

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

NARÓN

Sandra Alonso

09 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Será que teñen menos poder adquisitivo, que consumen menos, será que votan pouco. Pensen e repararán que non hai medidas de desescalada que afecten a este tramo de idade. Para o de cero a cinco pouca máis atención recibiron: algunha medida por favorecer o traballo de pais e nais. Nin normas nin medios, ninguén se ocupou deles. Pero alguén se ocupa deles. Xaora.

As actividades relacionadas coa agricultura e pesca, e as do transporte e o comercio asociado a elas nunca pararon, nin as dos servizos de saúde. Pura vida! Sempre traballaron os medios de comunicación necesarios para ídem -tamén os inútiles a tal fin-, e banca e seguros porque o diñeiro nunca pousa. Industriais e construción pararon nos días máis críticos do andazo e reiniciaron o máis axiña posible. Algo despois o comercio. A partir de aí a danza de intereses deixou ver que importa socialmente e que non. As tabernas, da explanada á barra, restaurantes, hoteis, praias e servizos relixiosos foron regulados. O que define o sector identificado co turismo situouse no centro do debate da desescalada. Axiña discotecas e ocio nocturno, cines e teatros e servizos de lecer. A cultura pediu paso. Ata escoitamos xa falar da tauromaquia, ese eufemismo que agocha o acto de pinchar e matar touros por gusto.

Todo isto está no centro do debate público político e mediático antes de falar de como abrir as escolas entre 5 e 17 anos. Os de 18 tiveron atención pola selectividade. De universidade e investigación xa quedou dito. Entre 18 e 25 moitos fan outros estudos superiores ou están en prácticas. Nestas idades moitos fan actividades deportivas de equipo que están suspendidas e non escoitei que se convertera nun problema público ou político. Tampouco sei de ningún programa de moita audiencia de radio ou TV ocupara un minuto en preguntarse que están facendo a rapazada e a infancia. A que adican o tempo estes meses. Que van facer ata setembro é un asunto que está practicamente fóra do debate público e político. Os efectos que teña ese parón na súa formación tamén. Dormen e vaguean? Engordan? Fanse ludópatas? Tragáronos as pantallas?

Podo contar o que se sabe aínda que non chegue á esfera pública. Resulta que se a infancia e a mocidade seguen coa súa formación é porque hai un profesorado de secundaria que dende as súas casas e as direccións dos centros continúan comprometidos coa docencia. Sen un aplauso, un agradecemento político nin unha noticia de telexornal. E hai ben casos para contar. Teño unha amiga en Narón que instalou unha antena de wifi na casa para poder lograr a cobertura necesaria para dar as aulas en liña aos seus alumnos. Outra en Ferrol tivo que localizar un terzo dos seus alumnos para poder, a través do Secretariado Xitano, mandarlles materiais todas as semanas. Outra fixo o mesmo grazas á Garda Civil e unha copistería de Sigüeiro. Outra de Santiago telefonou un a un a todos os pais/nais da súa titoría. As crises desvendan os defectos colectivos porque fan saltar as costuras que aguantas ás sociedades e atoan os problemas. Entre as moitas cousas que descubriu esta crise está a radical inversión de valores que experimentou esta sociedade no que vai de século.