«Claro que tamén eu tiña medo, pero non quería dar un paso atrás»

NARÓN

CESAR TOIMIL

Di que foron moitos os cregos, algúns tristemente esquecidos, que loitaron pola democracia

16 mar 2018 . Actualizado a las 11:31 h.

Antón Martínez Aneiros naceu no Val, en Narón, en 1933. Formado intelectualmente no Real Seminario de Santa Catalina, en Mondoñedo, foi un dos sacerdotes que máis se significou en España, durante o crepúsculo do franquismo, na loita polas liberdades. Histórico párroco do barrio ferrolán de San Pablo, ao que chegou a petición propia cando nin sequera había alí igrexa, foi detido e recluído nun momento no que os curas obreiros ferroláns -entre os que tamén se encontraba, entre outros, o non menos histórico teólogo Xosé Chao Rego, párroco de Santa Mariña- foron un símbolo para todo o país. Despois de secularizarse, e afincado en Madrid, levou a cabo un intenso labor en Cáritas. Máis tarde, e de volta en Galicia, foi alcalde de Narón e, uns anos despois, deputado autonómico. Fiel ás súas conviccións, hoxe vive rodeado dos seus libros e dos seus recordos. Xamais lle pechou a porta a quen precisase algo del.

-Con tanto como leva vivido, e coa perspectiva que lle dá o paso do tempo, ¿pensa vostede que o mundo foi a mellor?

-Esa é unha pregunta que non ten unha resposta sinxela, e que daría para reflexionar moito. Pero, globalmente, a min paréceme que o mundo, a pesar de todo, sempre foi indo a mellor. E digo a pesar de todo porque segue habendo guerras, segue habendo suicidios e segue habendo latrocinios de todas clases, mais, así e todo, avanzamos.

-¿A nosa sociedade é máis solidaria que as do pasado?

-Sen dúbida. Nunca houbo unha sociedade tan solidaria coma a nosa. O cal non quere dicir que antes a xente non se xuntase para axudar en determinadas circunstancias. Pero era unha realidade distinta. Eu non penso en esmolas. Cando falo de compromiso cos que nada teñen non falo de caridade, senón de xustiza.

-¿Que opinión lle merece o Papa Francisco?

-Eu penso que este Papa, e para ben, está marcando un norte novo en moitas cousas. Francisco humanizou o Pontificado. E hoxe escóitano non só os crentes, senón o mundo enteiro.

-¿Que balance fai da súa vida?, ¿volvería actuar como o fixo?

-Si, volvería facer o mesmo.

-Represión, interrogatorios, reclusión, persecución constante... ¿Nunca tivo medo?

-Tiven, si. Claro que tamén eu tiña medo, pero non quería dar un paso atrás. Tiven medo, e ameazáronme moitas veces, nos anos máis escuros, cando a policía franquista non se paraba ante nada. ¿Sabes o que é pasar noites enteiras en pé mentres te interrogan...? Creo que nós fixemos o que tiñamos que facer. E a nosa loita pola liberdade foi a loita de moitos cregos. Duns de nós fálase sempre, pero doutros, nada. Mais iso non quere dicir que fosemos poucos. Non todo é como parece. E teño que dicir que me sentín moi apoiado polo bispo Argaya Goicoechea. Argaya deume o seu apoio, e Araúxo comprendíame e apreciábame, como eu o apreciaba a el.

«A min paréceme que, a pesar de todo, o mundo sempre foi indo a mellor»

«Nunca houbo unha sociedade tan solidaria coma a nosa, a do noso tempo»

«Cando falo de compromiso cos que nada teñen, non falo de caridade, senón de xustiza»